Sermos Galiza rende homenaxe ao "maio", unha festa tocada pola pandemia

O semanario, que atoparás mañá nos quiosques co teu 'Nós Diario' de sempre, tamén aborda as leas sindicais nos EUA e entrevista a académica da RAG, Ana Boullón. Aliás, se estás a procurar recomendacións para o tempo de lecer, este é o compañeiro que buscas. Non esquezas mercalo!
Imaxe da reportaxe sobre o maio. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe da reportaxe sobre o maio. (Foto: Nós Diario)

Xa é fin de semana de novo e, polo tanto, chega unha nova cita co Sermos Galiza. Nesta ocasión, un dos grandes protagonistas do semanario é o “maio”, unha festa tocada -pero non afundida- pola pandemia.

Baixo o título 'Aí vén o maio! Diálogo coa natureza' -que coincide parcialmente co nome do próximo coleccionábel de Nós Diario, que estará nas rúas a partir da próxima semana- Manuel Castro Bastos tece unha reflexión sobre as consecuencias do coronavirus neste evento tradicional que cada vez era máis popular.

Lonxe de apostar por un paro no seu camiño á popularidade, o autor fala das trabas que xa aguantou o “maio” e do que seguirá aguantando. Este ano mesmo haberá celebracións virtuais.

A reportaxe de apertura, no entanto, será 'A loita sindical nos Estados Unidos. O caso de Amazon', no que Moncho Boán da algunhas chaves das diferenzas entre o movemento a prol das e dos traballadores ao outro lado do Atlántico con respecto a este.

Manuel Xestoso asina unha entrevista á académica de número da Real Academia Galega (RAG) escollida en decembro. En 'Ana Boullón. Os nomes do país' a protagonista abre a porta a falar de onomástica, de devanceiros, de toponimia, de tendencias e, mesmo, de se a Ría de Ribadeo debe continuar con ese nome.

Para quecer os pés, o Colectivo Xea propón un Andar e ver 'Pola beira do Tea. Da ponte dos Remedios á ponte de Fillaboa'. Un paseo no que estarás acompañada ou acompañado por Adela Leiro, Xan Colazo e Mon Daporta.

E se o que precisas é ter que facer no tempo de lecer sen saír da casa, regresan as recomendacións literarias de Mario Regueira e Manuel López Foxo. Elixindo a música de fondo están Herminio González e Fernando Montenegro.

A sesión de cinema corre á conta de Andrés Castro que, como cada sábado, repasa varios filmes de referencia.

Ademais, Carlos F. Bernárdez descobre na sección de arte o Museo do Gravado de Ribeira e Cilia Torna investiga a figura de 'Goto Nunes, outra raíña de xinea dos Guterres' en Aquelas Galegas. Fechan o caderno os imprescindíbeis pasatempos de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Interesante, verdade? O único que tes que facer para gozar de todos estes contidos é acudir mañá ao teu quiosque ou punto de venda habitual e mercar o Sermos que acompaña ao Nós Diario. Tamén podes ter a versión dixital cunha compra na nosa loxa en liña. Para a próxima non pases estes traballos e fai a túa subscrición xa!

Comentarios