"O renacer de Rosalía", este sábado, no especial do 'Sermos Galiza'

O sábado 'Nós Diario' vén acompañado do suplemento semanal 'Sermos Galiza', que desta volta afonda na figura de Rosalía de Castro e máis no recente achádego de Sagrario Abelleira sobre a data real de nacemento da autora. 72 páxinas por tres euros... Non o perdas!
Entrevistamos Sagrario Abelleira, a responsábel da descuberta da data real de nacemento de Rosalía.
photo_camera Entrevistamos Sagrario Abelleira, a responsábel da descuberta da data real de nacemento de Rosalía.

Este ano 2022 marca un fito no calendario rosaliano: o recente descubrimento, por parte da investigadora Sagrario Abelleira, do expediente matrimonial de Rosalía de Castro con Manuel Murguía, atopado no Arquivo Diocesano de Madrid, permitía fixar definitivamente o día 23 de febreiro de 1837 como a verdadeira data de nacemento da escritora. Este “documento incontestábel”, como foi definido polos especialistas, levou a un cambio na celebración do Día de Rosalía, que pasa a ser, en consecuencia, o 23 de febreiro.

En realidade, xa existían moitos indicios de que este sería o verdadeiro dia do nacemento de Rosalía. A anterior data dábase por boa en virtude da única proba documental acreditada que existía até o momento, a partida bautismal da autora, mais xa Murguía, no seu Diccionario de escritores gallegos, escribía que Rosalía nacera en Santiago o 23 de febreiro de 1837. 

Un mapa simbólico dos espazos rosalianos

Nós Diario, a través do semanario Sermos Galiza, non quere ficar alleo a este cambio de tanta transcendencia e publicará, este vindeiro sábado 19 de febreiro, un especial co que homenaxeará a figura de Rosalía, debuxando un mapa simbólico que represente os espazos rosalianos que tiveron unha particular entidade na súa vida e na súa obra, e que quedaron como lugares de memoria na historia das nosas letras e, en xeral, do País. 

Así, o especial percorre as rúas de Santiago de Compostela guiado por Mercedes Espiño, autora do volume, recentemente publicado pola Agrupación Cultural O Galo, Espazos de Rosalía en Compostela. A cidade non só é lugar de nacemento da autora, senón tamén o sitio onde medrou e se formou, onde soñou con ser actriz, onde naceron a primeira filla e a primeira novela, e onde volveu varias veces con Murguía. 

A escritora e investigadora María Pilar García Negro, pola súa banda, pon en relación a estancia de Rosalía na Coruña cun tempo histórico que sería decisivo para o Estado español, mais que non tivo consecuencias na política galega: esa contradición reflíctese na obra da escritora na denuncia da galegofobia española e no retrato da lacra da emigración, no protagonismo do feminino, na defensa da patria galega e da súa cultura.

Manuel Xestoso fai un retrato do Vigo liberal que propicia que nos talleres da imprenta de Juan Compañel se imprima o volume que marca o inicio do Rexurdimento: Cantares gallegos. Malia o curto período que Rosalía morou na urbe olívica, a edición deste libro e a rede de relacións tecida arredor dos círculos liberais vigueses fai desta cidade unha parada ineludíbel no itinerario rosaliano. 

Anxo Angueira, escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, faise cargo do que quizais é o espazo con maior carga simbólica e emotiva na lembranza da autora: Padrón é o lugar da capitulación final, mais tamén o lugar onde se erixe o maior monumento á súa memoria, a Casa da Matanza. Desde alí aínda se poden escoitar as campás de Bastabales e sentir a fina chuvia de Lestrobe: a mirada do poeta Angueira descifra os rastros de Rosalía que aínda podemos ler nestas terras. 

Finalmente, Xosé Luís Axeitos encárgase de dar as claves doutro espazo simbólico na vida de Rosalía: o escaso epistolario que nos quedou, testemuña de amizades, lecturas e influencias, mais tamén de baleiros que é preciso encher a través do estudo e a interpretación. 

O especial, ademais, conta cunha entrevista con Sagrario Abelleira, autora do achádego que levou ao coñecemento da verdadeira data de nacemento de Rosalía de Castro, na que explica os pormenores do seu descubrimento e algúns dos datos que contribúen a un mellor coñecemento da autora.

O especial venderase conxuntamente con Nós Diario o vindeiro sábado 19 de febreiro, ao prezo de sempre do semanario —64 páxinas por tres euros—. Nos quiosques e puntos de venda habituais e na loxa. Se non es subscritora ou subscritor, non dubides en adherirte.

Comentarios