Sermos Galiza reflexiona sobre a temática franquista na obra de Xabier Quiroga

O semanario que estará dispoñíbel nos puntos de venda habituais e na nosa loxa en liña a partir deste sábado tamén alude á nova lei sobre a memoria histórica e o papel que pode ter na mudanza dalgúns espazos públicos. Igualmente, investiga o patrimonio etnográfico de vilas como Trabada.
Imaxe da entrevista deste número do semanario. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe da entrevista deste número do semanario. (Foto: Nós Diario)

A memoria histórica, a memoria democrática, é gran protagonista no Sermos Galiza que sae do prelo este sábado. Queres saber máis? Non deixes atrás o semanario, que nesta ocasión aborda o tema da man da literatura.

O escritor Xabier Quiroga volve publicar após cinco anos de silencio e aposta novamente na temática da represión franquista. Montse Dopico debate co autor ao respecto desta tendencia na súa obra en ‘Xabier Quiroga. A historia con minúsculas’.

Ao longo da peza, Quiroga explica por que ese é un dos eixos temáticos habituais na súa narrativa. Así alude aos motivos da súa nova obra: a persecución da guerrilla e o roubo de bebés como métodos de opresión.

Tamén reflexiona sobre o proceso da escrita, a investigación, a historia...

Memoria democrática e memoria popular

A memoria democrática está presente tamén en ‘José Arjiz. Fútbol e fascismo unidos en Verín’, unha reportaxe asinada polo xornalista Héctor Pena na que se alude á nova normativa da memoria histórica e a como esta poderá chegar a lugares -tanxíbeis ou do imaxinario popular- nos que as pegadas do franquismo non foron eliminadas.

Así aparecen espazos públicos a rebautizar como o campo de fútbol José Arjiz Salgado, do municipio de Verín.

Pola súa banda, Xosé Barros afonda no papel da etnografía na peza ‘A vida de antes’. Neste caso fala, sobre todo, do museo de Trabada, que naceu grazas ás achegas do taxista xubilado Xosé Rocha.

Achegas culturais

Nesta ocasión, o Colectivo Xea -composto por Xan Colazo, Adela Leiro e Mon Daporta- anímate a facer a ruta ‘Cadramón-Xistral-Cadramón’. Para descansar logo do paseo podes elixir unha das recomendacións literarias de Mario Regueira e Manuel López Foxo, Todos os pasos fan ruído de Sara Plaza ou Bernardino Graña. Ser auga, darse en auga. Medio século 1958-2008 (unha escolma a cargo de Miro Villar do Centro Pen de Galicia), respectivamente.

Na sección de música Herminio González recomenda Sete fontes de Homens en Catarse. En paralelo, Jasper fala do ‘Compromiso’ con esta arte. O cinema chega, como cada sábado, da man de Andrés Castro que analiza polo miúdo o filme Reminiscencia baixo o titular ‘Mestura cinéfila’.

Este sábado Carlos L. Bernárdez pon sobre a mesa ‘Un berro dadaísta en memoria de Laxeiro’ e Cilia Torna conta a historia de ‘Isabel de Castro. Unha revolucionaria contra Castela’. Fechan o semanario os pasatempos de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Estás a agardar con ansia todos estes contidos? Non tes máis que achegarte este sábado ao teu quiosque de confianza ou acceder á nosa tenda en liña. Aínda así... Recomendámosche facer a subscrición canto antes!

Comentarios