O 'Prestige' e a desmemoria protagonizan o 'Sermos Galiza' deste sábado

Aliás, falamos con Arancha Estévez sobre a reedición da biografía da actriz María Casares e profundamos na obra arquitectónica de Jorge Salgado.
O próximo número do semanario 'Sermos Galiza' lembra a traxedia do 'Prestige'.
photo_camera O próximo número do semanario 'Sermos Galiza' lembra a traxedia do 'Prestige'.

Quen lembra o Prestige? Esa é a pregunta que lanza este sábado o semanario Sermos Galiza, que, como cada semana, acompaña o xornal para comezar a fin de semana cunha lectura amena e pausada.

Así, a xornalista Mar Álvarez convida as persoas lectoras a "saír da caverna" e evitar que o paso do tempo nos leve a esquecer aquel tráxico accidente que tinguiu de cor negra o mar e as praias da Galiza.

Cómpre "saír da caverna" para impedir que o 'Prestige' caia na desmemoria

"Hai quen di que a sombra da desmemoria é un dos grandes males da nosa sociedade; que esquecer, ou non querer recordar, fainos perder a nosa identidade como persoas e como pobo. 'Só a lembranza de onde veño me axuda a saber cara a onde vou', afirmaba Rosalía de Castro. E se non sabemos de onde vimos? Onde acabaremos? Quizais non consigamos saír nunca da cova", apunta Álvarez nesta reportaxe.

Afondando na figura de María Casares

A entrevista do Sermos desta semana corre a conta do xornalista Manuel Xestoso, que fala coa escritora Arancha Estévez sobre a reedición que vén de publicar Aira Editorial da biografía que ela mesma escribiu, hai máis de dúas décadas da actriz María Casares.

"O interese pola figura de María Casares xorde cando formaba parte da redacción de A Nosa Terra, que tamén tiña unha editorial e que seguía unha liña de traballo moi clara relacionada coa recuperación da memoria histórica. Dentro desa estratexia de recuperación de figuras e de textos que se consideraban importantes e que estaban esquecidos había un gran baleiro no que se refería ás mulleres, polo que se iniciou unha colección que recollía biografías de mulleres galegas cunha obra importante e que non tiñan a visibilidade que merecían", comenta a autora.

A obra arquitectónica de Jorge Salgado

Por outra parte, Iago Valverde asina a reportaxe 'Jorge Salgado: Territorio próximo', na que analiza a obra deste arquitecto que traballa coa mirada posta na paisaxe.

"Cada proxecto na súa contorna é unha maneira de ir arranxando aos poucos, e con modestia, o seu territorio máis próximo", explica Valverde nesta peza.

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Fernando Montenegro, que trae as últimas novidades, a comezar por Another Way of the Heart, de Torben Snekkestad e Soren Kjaergaard, mentres Herminio González asina o artigo titulado 'O álbum desaparecido de Elton John'.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, entre eles A illa de Bergman, de Mia Hansen-Love, e Anxo Fole ofrece na sección de Cociña unha variedade de pratos que van "de Tailandia a Bilbao".

Noutra orde, Mario Regueira debulla o libro O mundo e outras vésperas. Colaboracións en El Pueblo Gallego [de Álvaro Cunqueiro], editado por Armando Requeixo (Galaxia), mentres Inma Otero Varela fala do poemario Materia, de Yolanda Castaño. Aliás, o colectivo Xea trasládanos aos cumes do Faro de Avión.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario; 64 páxinas por tres euros!

Comentarios