Sermos Galiza pasea por Tui guiado polo festival Play Doc

Aliás, no número deste sábado, atoparás unha entrevista ao fundador do Ciemen, Aureli Argemí, e unha homenaxe a Marcial Valladares a través da reedición de 'Maxina ou a filla espúrea'.
Imaxe do artigo sobre o Play Doc. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe do artigo sobre o Play Doc. (Foto: Nós Diario)

Queres saber máis sobre o mundo do audiovisual galego? Gustaríache incrementar o teu coñecemento sobre a procura da soberanía dos pobos? Pensas que Marcial Valladares merece máis homenaxes pola súa traxectoria? É momento de gozar dun novo número de Sermos Galiza.

O semanario abre cunha interesante reportaxe de Irene Pin que analiza o achegamento do audiovisual ao público baixo o título ‘Cando o cinema habita a rúa’. A xornalista e cineasta alude a un dos reclamos do Play-Doc, o dos roteiros estéticos por Tui adiante.

Malia a pandemia, os cinema-percorridos parecen ter chegado para quedarse dado o interese que causan no público.

Xa o di o propio director deste certame, Ángel Sánchez: “Un festival de cinema ten que ser algo máis, que non é pouco, que unha sala de proxeccións”. E niso andan pola ‘raia’, loitando para ofrecer un punto diferencial.

Catalunya e as soberanías

Na entrevista da semana ‘Aureli Argemí. Tecer soberanías’, asinada por Alberte Mera, o fundador do Ciemen analiza a actualidade política en Catalunya, e mesmo fala das linguas minorizadas.

A conversa co teólogo, activista, soberanista e “amigo da Galiza” non ten desperdicio.

E como tripla opción de entretemento para o sábado, Sermos revisita Maxina ou a filla espúrea da man de Xosé Barros. Este ocúpase de ‘Maxina. 200 anos de Marcial Valladares’ referíndose á homenaxe que a editorial Galaxia fai a este autor fundamental no Rexurdimento.

Para desconectar un pouco da lectura o Colectivo Xea -Xan Colazo, Adela Leiro e Mon Daporta- anímate a percorrer ‘As beiras dos ríos’.

Na procura de entretemento

Xa de volta na casa podes gozar coas críticas literarias de Mario Regueira e Manuel López Foxo, que desta vez escolleron Humanario de Pilar García Rego e O varredor de outono de Manuel Forcadela, respectivamente.

No apartado de música, Herminio González reflexiona sobre o disco Remembrande: The Poetry of Emily Brontë de Nelson Cascais e Jasper vai máis aló ao facer unha reflexión sobre a cultura e a pandemia baixo o título ‘Música en corentena’. Nesta ocasión, Andrés Castro lembra experiencias para presentar o filme Dune.

Na sección de Arte, Carlos L. Bernárdez cóntache máis sobre as ‘Mulleres pintadas’ e, en Aquelas Galegas, Cilia Torna repasa a figura de ‘Xoana de Castro, a raíña que foi’. Para que non desaproveites nin un minuto da fin de semana, Xerardo R. Roca e Xoán Costa deixan listos os mellores pasatempos.

Como gozar de todo isto? Só tes que achegarte ao quiosque este sábado ou mercar Sermos Galiza, xunto con Nós Diario, na nosa loxa en liña. Mais o máis sinxelo para non perder nada é facer a subscrición neste momento!

Comentarios