Sermos Galiza: Marcos Lorenzo e a outra política cultural

Máis un novo número do semanario, 32 páxinas nas que nos debruzamos sobre a cultura, a historia, a arte, o cinema, a memoria, os viños ou a arquitectura, entre outras moitas cousas.

sermos e marcis oorenzo-min

Marcos Lorenzo centra a entrevista central do Sermos Galiza. ‘Dous escritos sobre a felicidade é o título do novo libro’ deste xestor cultural, editado por Embora. E non é, en realidade, que o autor de boa parte do traballo pioneiro na Galiza de análise do sector cultural decidise mudar de tema. No fondo, está a falar do mesmo. De como vivir mellor. Repasamos a súa produción ensaística, na que apunta entre outras cousas á necesidade de facer políticas culturais comezando pola base, polo fomento da participación e da creatividade da sociedade. Pois facer cultura non é só programar eventos.

"Na era Fraga realizouse un reparto de orzamentos para comprar a paz. Iso é caciquismo", apunta nesta entrevista con Montse Dopico. “A política cultural debe estar ao servizo da cidadanía e non dun determinado grupo social como os artistas ou as empresas culturais. Por iso hai que pór a énfase na participación das persoas”.

Inés de Ben

Héctor Pena debulla a historia de Inés de Ben. A historia conta que María Pita foi a heroína contra os ingleses que quixeron invadir A Coruña, mais do que non deixou constancia foi do decisivo papel que tiveron as coruñesas no asedio. Unha das máis destacadas foi Inés de Ben, comerciante da Peixaría, que non só deu todos os bens da súa tenda para loitar contra o inimigo, senón que estivo en primeira liña e foi gravemente ferida.  O seu valor non foi nunca recoñecido: rematou os seus días viúva, con dous fillos e cega. A única "xustiza" que lle concederon foi poder exercer a mendicidade.

Inés de Ben rematou os seus días pedindo polas rúas da Coruña para sobrevivir e enterrada nunha foxa común da que nada se sabe. Pero o que moi pouca xente coñece desta muller, que viviu na cidade herculina no século XVI, é que foi unha das heroínas que loitaron contra a invasión inglesa comandada por Francis Drake en 1589.

2es+

Álvaro Marín e Alfonso Castro xuntáronse para sumar forzas no estudio 2es+arquitectura. Mantivéronse na época máis difícil, en plena crise económica, e agora están colleitando os froitos. Veñen de recibir o premio á mellor vivenda que concede o colexio de arquitectos. Iago Valverde achéganos á súa traxectoria.

"Cada obra nosa pode parecer de arquitectos distintos. Isto é porque cada casa representa o cliente, non o arquitecto. Tratamos de levar o cliente á nosa linguaxe pero sen impornos", afirman no estudio 2es+.

O semanario recolle tamén as súas seccións habituais, como Andar e Ver, que desta volta lévanos de Raxó a Combarro; a de libros, música, dinema, cociña...

Comentarios