María Vázquez e 'Matria' protagonizan este 'Sermos Galiza'

O número do semanario que este sábado acompañará o xornal —e que ficará á venda durante toda a fin de semana— aborda tamén a vida do ponteareán Alejandro Viana e a súa vital axuda a milleiros de persoas represaliadas tras o golpe de Estado de 1936, así como unha aproximación á "austeridade necesaria" da obra arquitectónica de Estévez e González.
Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.

Como cada sábado, Nós Diario traerá este 25 de marzo entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Desta vez a protagonista é a actriz María Vázquez polo seu papel de Ramona no filme Matria, de Álvaro Gago, que se estrea esta sexta feira en salas de cinema de todo o Estado español na versión orixinal en lingua galega. Entrevístaa Montse González.

"É moi importante dignificar o traballo destas mulleres. Elas claro que son moi conscientes e loitan polos seus dereitos, pero o sistema impídelles saír de aí. Elas teñen que sobrevivir, polo que teñen que tragar, pero desde logo non tragan caladas. Podes ter moito carácter e ter que tragar, como tragamos todos no día a día. Ramona pon límites e expresa a súa frustración e a súa rabia. Aínda que tamén ten moito humor", apunta a intérprete.

Alejandro Viana

A primeira reportaxe do Sermos asínaa Roberto Mera Covas e leva por título 'Alejandro Viana: ao rescate de milleiros de represaliados'. "Peza a peza completei o crebacabezas e reconstruín o seu periplo vital. Tras dez anos de investigación, só me restaba coser os miles de anacos da súa existencia para insuflarlle vida emulando ao moderno Prometeo de Mery Shelley: desta volta para desafiar non os deuses, senón o inxusto silencio", explica o autor.

Corría o ano 1877 cando na Praza Maior de Ponteareas nacía Alejandro Viana Esperón. Tras a súa infancia na súa vila natal, no seo dunha familia humilde e sen apenas formación, con 14 anos trasládase a Vigo para traballar como dependente de comercio. Acollido polos Garra Castellanzuelo, familia ponteareá de tradición republicana, comparte fogar na súa adolescencia con Amado Garra, catro anos maior ca el, e futuro líder agrarista e republicano vigués con quen, durante décadas, compartirá innumerábeis vivencias sociais e política.

A arquitectura de Estévez e González

Renunciar pode ser unha vitoria. Os arquitectos Miguel Estévez e Luciano González renuncian ao superfluo para gañar claridade. Traballan con orzamentos moi limitados, polo que teñen a obriga de facer virtude da necesidade. Cada elemento conta, e sobre a obra destes dous profesionais escribe neste novo número do semanario Iago Valverde, nunha peza titulada 'Estévez e González: austeridade necesaria'.

Ambos os arquitectos obtiveron o título o mesmo ano, nunha época difícil, 2012. Daquela, repetíase a historia das crises económicas no país, os máis novos emigraban e os que quedaban sobrevivían. Eles, a pesar de seren novos, decidiron quedar. Tiveron, como moitos do sector da construción, que resistir con pequenos encargos nos que aprenderon a facer máis con menos.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Manuel López Foxo analizan na sección de Libros as últimas novidades no sector, a comezar pola obra O home que matou a Antía Morgade, de Arantza Portabales, así como unha revisión de Xente ao lonxe, de Eduardo Blanco Amor. Pola súa parte, Lois Agrelo achéganos a Mutenroi, o último álbum de Metralletas Lecheras, e Xurxo Souto asina o artigo 'Rebético-galego', "tan exótico e, ao tempo, tan próximo".

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme protagonista deste número do semanario, Matria: "O que fai María Vázquez coa súa personaxe semella ser doutra liga. Soberbia é pouco. Dicción, voz (augardentosa), actitude, expresión corporal, mirada... Que mirada. É capaz de transmitir unha cousa e a contraria ao mesmo tempo. Marabilla", valora.

Ramsés Pérez escribe na sección Ir ás aves sobre os ferreiros e cruzabicos no Bidueiral de Montederramo. "O frío da mañá, co sol aínda rompendo o día, un paxaro de cor amarela, fazulas brancas e banda negra percorrendo o peito emite un chi-chi-point potente e repetitivo que se espalla no silencio matinal do Bidueiral de Montederramo. O ferreiro real leva este nome onomatopeico precisamente polo seu canto semellante ao bater rítmico do martelo na bigorna. Paxaro forestal que se alimenta de insectos e aniña en furados de árbore", sinala.

Aliás, Carlos L. Bernárdez analiza a mostra '60 pezas para sesenta anos', comisariada por Francisco Domínguez Martínez e presente na Casa Galega da Cultura de Vigo até o vindeiro 21 de maio, unha exposición que celebra o aniversario da Fundación Penzol.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa, mentres o texto que dá a benvida a este novo número asínao a artesá zoqueira Elena Ferro co título 'Número Sete'.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios