Sermos Galiza lévate cos que "sempre estarán"

O semanario recolle este sábado as lendas e ritos ligados á morte e as tradicións do Samaín. Igualmente, entrevista ao novo académico de número da Real Academia Galega (RAG), Gonzalo Navaza, e entra nos cemiterios galegos para que os coñezas desde outro punto de vista. Non esquezas mercalo no teu quiosque ou na nosa tenda en liña!
Reportaxe de apertura deste número de Sermos Galiza. (Foto: Nós Diario) #sermosgaliza #samaín
photo_camera Reportaxe de apertura deste número de Sermos Galiza. (Foto: Nós Diario)

Queres coñecer os rituais esquecidos do Samaín? Interésanche os segredos da Real Academia Galega (RAG)? Gustaríache saber que teñen de especial os cemiterios galegos? Pois o deste sábado é o Sermos Galiza que estabas a agardar.

Desde a mesma capa convidámosche a entrar nun mundo pouco coñecido e cheo de lendas. E a reportaxe de apertura, asinada por Xosé Barros, non podía ser menos.

Baixo o título ‘Samaín, a noite dos que sempre estarán’, o autor distánciase da “festividade mercantilizada” de Halloween para camiñar cara Samaín e as tradicións celtas. Tamén alude ao culto aos mortos en Estados como México.

Certa ligazón con esta primeira historia ten a segunda reportaxe –‘Cemiterios. Unhas galerías de arte senlleiras aínda por explorar na Galiza’- na que Sonia Dapena afonda na perspectiva artística e patrimonial das necrópoles do país con algúns expertos.

O espazo das palabras

Porén, outra das paradas chave esta semana é a entrevista ao escritor Gonzalo Navaza, que vén de ser escollido como académico de número da Real Academia Galega (RAG).

En ‘Gonzalo Navaza. Coidar as palabras’ conversa co xornalista Manuel Xestoso sobre a entrada na academia, o galego como lingua minorizada, a onomástica, a ortografía e a súa obra literaria, entre outras cuestións.

Un paseo natural e artístico

Despois dunha boa ración de nomes e topónimos no papel, non hai mellor plan que ir pasear co Colectivo Xea -que forman Xan Colazo, Adela Leiro e Mon Daporta- para ver os lugares en directo. Nesta ocasión é momento de percorrer ‘O Castelo de Soutomaior. Arte, historia e natureza’.

Xa de regreso na casa, Mario Regueira e Manuel López Foxo propoñen ler Reboiras. O camiño da rebeldía de Xurxo Martínez González e Xosé Manuel Pereiro ou Ten o seu punto a fresca rosa de María Xosé Queizán, respectivamente.

Na sección de Música Herminio González pon no tocadiscos BMP de Salvador Sobral, mentres que Jasper prefire reflexionar sobre a fenda xeracional na música galega no artigo ‘Un país para escoitarnos’. Coa banda sonora xa posta, Andrés Castro escolle como filme principal da súa escolma A crónica francesa de Wes Anderson.

Neste número Carlos L. Bernardez explica arte en ‘Variacións sobre a pedra’ e Cilia Torna lembra ‘A cabeza de Antonia Alarcón’ no apartado Aquelas Galegas. Un sábado máis, non faltan os pasatempos de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Como podes conseguir todo isto? Procura o Sermos Galiza que atoparás este sábado no quiosque ou na nosa loxa en liña en compañía de Nós Diario. Iso si, o máis práctico é que pidas xa mesmo a túa subscrición!

Comentarios