Sermos Galiza fala co psicólogo José Martínez sobre a emigración galega na Arxentina

O novo número do semanario recolle tamén unha reflexión de Rubén Cela Díaz sobre a realidade política e social de Venezuela e unha reportaxe sobre o fútbol catalán como apoio do independentismo.
Entrevista a José Martínez no Sermos Galiza deste sábado. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Entrevista a José Martínez no Sermos Galiza deste sábado. (Foto: Nós Diario)

Gustaríache saber cal é a realidade política de Venezuela? Queres coñecer a visión do independentismo desde o mundo do fútbol en Catalunya? Interésache calquera referencia á emigración galega? Pois non perdas o novo número de Sermos Galiza.

O semanario que atoparás este sábado nos quiosques, outros puntos de venda habituais e na nosa tenda en liña leva á súa capa ao psicólogo José Martínez, que fala na entrevista da semana co xornalista Antón Escuredo.

En ‘José Martínez. Entre Seoane e a logoterapia’ o protagonista fai memoria da emigración galega, da social e da cultural con grandes figuras da Galiza.

Co gallo da publicación de Logoterapia grupal. Auto-trascendencia recíproca, Martínez alude á colectividade galega na Arxentina, a Luís Seoane, ás teorías de Viktor Franki e ao activismo, entre outros temas.

Nunha das reportaxes, Héctor Pena pregúntase ‘Catalunya. Espello para o fútbol galego?’ e fornece algunhas das chaves do movemento independentista dentro deste deporte como pode ser a Federación Catalá de Fútbol, do compromiso do Barça ou das apostas persoais dalgunhas estrelas, que foron e que son.

Pola súa parte, Rubén Cela Díaz reflexiona sobre a realidade de Venezuela e a “deturpación da realidade” que chega a Galiza por medio do texto analítico ‘Venezuela. O que non contan’.

Após participar nun foro naquel estado, alude aos resultados das eleccións municipais e rexionais e á situación xeral.

Visitar Foz

Unha vez rematado o repaso a estes primeiros temas, é momento de coller a bolsa e as zapatillas de deporte e ir visitar ‘Foz, a ría. Da ponte do Masca á praia da Rapadoira’ na compañía de Xan Colazo, Adela Leiro e Mon Daporta (membros do Colectivo Xea).

Como cada sábado, tamén fornecen a oportunidade de coñecer mellor o país, neste caso a súa produción cultural, autores como Mario Regueira -que fai unha crítica de Pasou o que pasou. Doce estampas dos 80 de Lito García Lago- e Manuel López Foxo, que neste caso atende a As voces baixas de Manuel Rivas.

Un paso máis aló no semanario agardan Herminio González e a súa crónica sobre o traballo musical Aldán, de Rafa Fernández, e Jasper e a súa reflexión ‘Santa Cecilia, patroa da precariedade’ que destapa o que está a pasar o sector coa pandemia aínda activa.

Arte e Cinema para a fin de semana

Andrés Castro lévate ao cinema para ver O último duelo de Ridley Scott e Carlos L. Bernárdez achega o mundo da arte no artigo ‘Manuel Moldes: vieiros na memoria’. Pola súa banda, Cilia Torna presenta ‘A Terranova’ en Aquelas Galegas. Fechan un Sermos Galiza máis os pasatempos de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Terás todos estes contidos na publicación que atoparás nos quiosques ou na nosa loxa en liña este sábado xunto co Nós Diario. Non perdas ningún número: fai xa a túa subscrición!

Comentarios