Sermos Galiza enxalza a figura do pintor e galeguista Bello Piñeiro

O semanario inclúe unha entrevista coa escritora Rebeca Baceiredo e unha reportaxe sobre as obras literarias que xurdiron na Galiza a partir da pandemia. Aliás, atoparás diversas recomendacións para o tempo de lecer. Procura o teu exemplar, xunto co 'Nós Diario', este sábado nos quiosques e puntos de venda habituais!
Unha parte da reportaxe sobre o pintor mugardés Bello Piñeiro. (Foto: Sermos Galiza)
photo_camera Unha parte da reportaxe sobre o pintor mugardés Bello Piñeiro. (Foto: Sermos Galiza)

Despois dun número especial co gallo do Día da Patria Galega, Sermos Galiza recupera os seus contidos habituais situando na actualidade ao pintor mugardés Felipe Bello Piñeiro, ao que descobre como un persoeiro do galeguismo pouco coñecido por esta faceta.

A través das verbas do historiador Bernando Máiz Vázquez, en 'O galeguista pintor, o pintor galeguista' analízase cunha visión diferente do artista do Seixo (Mugardos) que tanto pintou a paisaxe galega, con especial agarimo pola súa aldea e o campo da festa de Beiramar, do que vas atopar algunhas obras no semanario.

No texto, o autor explica que Bello Piñeiro tivo unha "personalidade polifacética" que estivo marcada polo "activismo e sentimento galeguista" que amosou, por exemplo, na súa obra artística.

De aldeas, filosofía e coronavirus como inspiración

Neste número, en 'Rebeca Baceiredo. Literatura e filosofía' Montse Dopico entrevista a escritora pola publicación do seu último traballo na narrativa: Éxodo. A charla serve para abordar asuntos como a recuperación da memoria das aldeas, a mestura de xéneros, os estilos literarios ou a filosofía na escrita, entre outras cuestións.

Pola súa banda, Tensi Xesteira fornece un amplo repaso polos 'Libros en tempos de Covid'. Na reportaxe alude a numerosas obras que viron a luz en paralelo á pandemia e que analizan a realidade desde os máis diversos puntos de vista. Atoparás desde a estrea literaria de Jamas, de Dios ke te crew, até o diario pandémico dun mestre.

Propostas para o lecer

Mais a cultura tamén continúa saíndo á rúa e seguindo os pasos do Colectivo Xea -que forman Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo- 'De Teixido á praia das Cortes'. Aló podes acudir cun libro para descansar na natureza. Por exemplo, Mario Regueira propón ler 'Fillos do Sol' de Cándido Pazó no artigo 'A obra inconclusa' e Susana Sánches Arins reflexiona sobre a 'Vampira de biblioteca' de Ledicia Costas en 'Chucha-livros'.

No apartado de música, que tamén pode acompañarte no paseo, Belém Tajes aposta por 'Peixe' de Xisco Feijoo nun artigo que titula 'Aire fresco de verán', mentres que César Morán fornece a peza 'Xerardo Moscoso. Soio de saxofón'. No capítulo de cinema, Andrés Castro profundiza no filme 'Richard Jewel' dirixido por Clint Eastwood. Atoparás a súa visión co titular 'Telelixo, corrupción e inxustiza'.

Manuel Xestoso repasa a escena teatral en 'Virán as iguanas vivas a morder os homes que non soñan'. Fechan o caderno os pasatempos de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Estás desexando ter todos estes contidos nas túas mans? O único que tes que facer é acudir ao teu quiosque de confianza este sábado e mercar Sermos Galiza, que atoparás xunto a un novo Nós Diario. Tamén podes acceder a eles a través da nosa tenda en liña. En todo caso, non irá sendo hora de que fagas a subscrición?

Comentarios