Sermos Galiza avanza esta quinta feira os poemas franquistas de Filgueira Valverde

Filgueira Valverde abrazou o franquismo desde o mesmo momento en que se produce o levantamento militar. O semanario Sermos Galiza adianta no seu número 140 fragmentos de tres poemas de exaltación do réxime de Franco que o profesor Freixeiro Mato atribúe a Filgueira despois dunha profunda investigación. 

Filgueira Valverde
photo_camera Filgueira Valverde

O profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato investiga a autoría dos tres poemas de exaltación franquista publicados en O Gaiteiro de Lugo e descobre, sen lugar a dúbidas que o seu autor é Filgueira Valverde. Sermos Galiza publica no seu número 140 -esta quinta feira 9 de abril nos pontos habituais de venda- un avance dos poemas e unha longa entrevista co investigador, que debulla o proceso que o levou desde a sospeita á confirmación da autoría dos tres poemas franquistas. A investigación e os poemas sairán publicados ao completo no libro A poesía oculta de Filgueira Valverde que tirará proximamente do prelo a editorial Baía. 

Desvélase así unha mentira na nosa historia literaria que dificilmente podía ser descuberta. O propio Filgueira fora quen asignara a autoría dos textos anónimos a Noriega Varela -tamén franquista- posibelmente co convencemento de que nunca se descubriría o infundio. Non contaba co profundo coñecemento de Freixeiro Mato da lingua de Noriega que o levaría a desbotar a súa autoría dos tres textos de maneira rotunda. Atribuírllos logo a Filgueira Valverde -e demostrar que a el pertencen- foi só cousa de tempo e traballo. 

Comentarios