Sermos Galiza analiza que foi do 15-M após unha década

O suplemento deste sábado tamén inclúe propostas de arquitectura e cociña e fala co reelixido presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, de diversos temas. Procura o 'Sermos' co teu 'Nós Diario' de mañá nos puntos de venda habituais para ler todos os contidos.
Imaxe dunha das reportaxes do semanario. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe dunha das reportaxes do semanario. (Foto: Nós Diario)

Que queda daquel movemento do 15-M unha década máis tarde? Cal é o futuro da Real Academia Galega nun momento no que os estudos revelan a caída do uso do galego entre a mocidade? Como é unha arquitectura que permita o "divertimento"? Poderás atopar as respostas a todas estas preguntas no Sermos Galiza que sae mañá á rúa.

No número deste sábado, o semanario leva como reportaxe de apertura unha reflexión de David Rodríguez sobre aquel movemento cidadá que derivou en acampadas e asembleas nas rúas de todo o Estado español, especialmente en Madrid ou Barcelona.

Baixo o título '15M dez anos despois. O réxime do 78 a xuízo', o autor repasa que foi daquelas ganas de cambiar o mundo e de como evolucionaron as formacións que saíron daquel levantamento social.

Aliás, Manuel Xestoso entrevista ao novo presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, que vén de saír reelixido para o cargo. En 'Víctor Freixanes. Máis aló da política lingüística', o tamén xornalista, escritor e profesor universitario aborda distintas cuestións como por onde pasa o futuro da institución ou o seu parecer sobre o decreto do plurilingüismo.

Tamén fala sobre a presenza das mulleres na RAG, a necesidade de conectar coa mocidade e as estatísticas que deixan o galego en mal lugar.

Pola súa banda, Iago Valverde analiza o traballo arquitectónico para "vivir con alegría" na peza 'Emilio Rodríguez, divertimento'. Esta semana o Colectivo Xea -Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo- andan e ven 'A costa de Poio'.

Para as e os fanáticos da música e da literatura, tampouco faltan as habituais críticas. No primeiro caso van da man de Sara García e Carlos Penela, mentres que no segundo son Mario Regueira e Inma Otero Varela os autores. Así mesmo, Andrés Castro fai algunhas recomendacións de cinema.

Para pasar a fin de semana con bo sabor de boca está Anxo Fole, que propón un menú de alcachofas e polo con caldos chegados de Vide, Vide! E nas páxinas finais atoparás os pasatempos ideados por Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Non queres perder ningún destes interesantes temas? O único que tes que facer e ir ao quiosque ou á nosa loxa en liña a mercar o Sermos Galiza que sae este sábado acompañado do Nós Diario. E para non ter que preocuparte nunca de perder algo que che interese... Fai a subscrición agora!

Comentarios