É a primeira vez que se publica íntegro

Sermos Galiza agasalla as lectoras e lectores co facsímile do primeiro número de A Nosa Terra

O número 222 do semanario Sermos Galiza incluirá un facsímile inédito do primeiro número de A Nosa Terra, publicado na Coruña o 14 de novembro de 1916. Para conmemorar o centenario da publicación, o semanario, que poderá adquirirse desde a noite desta cuarta feira na loxa online e desde a quinta feira nos quiosques, inclúe unha réplica que se edita por vez primeira completa.

14_cabeceira A Nosa Terra

Para sumármonos ao centenario da publicación de A Nosa Terra, voceiro das Irmandades da Fala, Sermos Galiza agasalla os seus lectores e lectoras cunha reprodución do boletín primixenio que se achegará co semanario 222. Trátase da primeira vez en que se edita de maneira íntegra o facsímile, pois inclúe as oito páxinas, co tamaño da mancha orixinal e tan só houbo que reparar unha parte das páxinas 1 e 2 para garantir a súa lectura.

A Nosa Terra xorde, no marco internacional, en plena Gran Guerra, “un contexto no que a cuestión nacional ocupaba as portadas, novas e artigos de opinión da prensa xunto ao conflito bélico”. E xorde, no marco nacional, cando “na Galiza estaba a madurar o galeguismo político, após un activismo de grande relevo no agrarismo, en contra dos foros... onde destacaron figuras como Rodrigo Sanz ou Manuel Lugrís Freire, da Solidariedade Galega, para alén dun Basilio Álvarez de Acción Gallega”, expón en declaracións a Sermos Galiza o historiador e profesor universitario Uxío-Breogán Diéguez. “Era un tempo no que falar de agrarismo era falar da loita contra o caciquismo e no que o idioma propio era reivindicado por aquel galeguismo como sinal de identidade desa loita e fronte ao centralismo español”, engade.

Uxío-Breogán Diéguez: "No primeiro número facíase constar na contracapa o nome e apelidos de máis de trinta columnistas, entre os que está a intelectualidade máis relevante da Galiza daquela altura"

O investigador explica que este primeiro número de A Nosa Terra se articula “en clave ideolóxico-política, arredor do editorial de Antón Vilar Ponte” e participan del once persoas, “destacaban os irmáns Vilar Ponte, Banet Fontenla, Ramón Cabanillas e Rodrigo Sanz, que roldaba os corenta e catro anos e sería cualificado de mestre”, afirma. “Desde o primeiro número sería A Coruña o epicentro da publicación, que ficaba baixo a dirección do propio Antón Vilar Ponte (até o 1922, que pasaría a ocupar o cargo Víctor Casas). Gradualmente, A Nosa Terra iría medrando en colaboradores e colaboradoras, mais xa no primeiro número facíase constar na contracapa o nome e apelidos de máis de trinta columnistas, entre os que está a intelectualidade máis relevante da Galiza daquela altura, que irían colaborando nas sucesivas publicacións”, agrega.

Editorial

miniatura_ANTO historiador salienta deste primeiro número o editorial, "A bandeira ergueita”, en que “o maior dos Vilar Ponte mantén un discurso centrado en dilucidar quen é quen non era patriota galego, indicando a tal efecto que era central falar o idioma da Galiza e que cumpría rachar lazos co centralismo españolista”. Neste escrito, o cofundador das Irmandades facía unha especial mención á “necesidade da organización política e de realizárense investigacións sobre a realidade galega, sobre as súas características e problemáticas (lingua, economía, política...), conferíndolle á mocidade un papel central no desenvolvemento da Galiza, definida como 'patria natural' : ...que surxan ó mesmo tempo que poetas e músicos galegos, prosistas da nosa lingua”.

Uxío-Breogán Diéguez: "Desde a publicación do primeiro número deste xornal podemos afirmar que o nacionalismo galego existe explicitamente"

O historiador pon de manifesto que, sen dúbida, a saída do prelo de A Nosa Terra representou “un claro punto de cesura no ámbito da política, e non só. Desde a publicación do primeiro número deste xornal podemos afirmar que o nacionalismo galego existe explicitamente, o que se formaliza no 1918 coa Asemblea de Lugo (ou Iª Asambreia Nazonalista) . É o grande voceiro das galegas e galegos que articulan o devandito movemento político en chave nacional no noso país e que a través dos seus escritos no mesmo, para alén do seu axir, modelan o propio nacionalismo galego (non son poucos os debates que se abren por medio de A Nosa Terra), dando lugar, así mesmo, a unha análise constante do país número a número”.

[O Sermos Galiza 222 poderá adquirirse a partir da noite da cuarta feira na loxa online e a partir da quinta feira nos quiosques]

Comentarios