Sermos Galiza afonda cun especial na figura de Ben-Cho-Shey

“Ben-Cho-Shey, o triunfo do ideal” é o título do especial co que o número 35 de Sermos Galiza se achega á figura do político, xornalista, etnógrafo e escritor galeguista. Artigos arredor da súa vida e traxectoria intelectual e política, imaxes singulares e textos inéditos compoñen o caderno especial.

Só con deitar a mirada sobre as oito páxinas do xornal que compoñen o especial de Ben-Cho-Shey que se recolle no número 35 de Sermos Galiza xa é abondo para concluír na singularidade e grandeza da súa figura. Por esas páxinas agroman imaxes que percorren a súa vida, os retratos familiares, o tempo de desterro en Cáceres, os actos militantes na defensa de Galiza, colectivos sempre, máis tamén imaxes tiradas pola súa cámara, nas que o propio Ben-Cho-Shey se manifestaba como und etacado documentalista do tempo que lle tocou vivir. Singular é o mitin a prol do Estatuto na Barrela con Vicente Bóveda -irmá de Alexandre- falando, as imaxes do Lugo con faixas e pintadas a prol do Estatuto ou o pobo enchendo prazas para defender os dereitos da Galiza.

Mirada e acción dun tempo

Ben-Cho-Shey móstrase como a mirada e a acción do seu tempo, infelizmente silenciada por unha desmemoria que pesou de maneira singular na súa figura. A través dos traballos de Cilia Torna adentrámonos na súa traxectoria vital de pedagogo, xornalista, etnógrafo, poeta e político galeguista e antifascista, a súa traxectoria vital e ao seu legado intelectual ademais de descubrir un nome crucial no desenvolvemento de organizacións e entidades do seu tempo que pulaban polos dereitos da Galiza, o Partido Galeguista de maneira especial, e tamén no legado que había de trasladar a unha nova xeración de nacionalistas que teñen nel unha referencia de compromiso persoal e político.

Nesa nova xeración que tivo en Ben-Cho-Shey un mestre de vida e ideas atópase Pilar Allegue que lembra no seu artigo “Desde a memoria histórica”, o tempo compartido en Madrid.

Alén destes materiais informativos, o especial ofrece un feixe de textos inéditos de Ben-Cho-Shey, dous fragmentos de especial relevancia á hora de achegármonos á brutalidade da represión fastista despois do golpe militar pertencentes ao seu Diario de Lugo, o manifesto do Día da Galiza de 1935 da súa autoría e unha extraordinaria carta de 1937 con destino a Otero Pedrayo.

Comentarios