Pilar Pallarés e a súa poesía no 'Sermos Galiza' desta fin de semana

O novo número do semanario analiza tamén o legado político de Juana de Vega así como os retos da natureza.
Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana (Foto: Nós Diario).
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana (Foto: Nós Diario).

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Desta vez a protagonista é a poeta Pilar Pallarés nunha entrevista realizada por Montse González.

“A palabra como xeito de tentar salvarnos da destrución. A confianza na rexeneración, aínda que sexa máis individual que colectiva. A conciencia de ser parte dun mundo compartido cos animais e con outros seres vivos diferentes das persoas. Son algúns dos alicerces da poesía de Pilar Pallarés, que vén de publicar o seu primeiro libro infantil, Unha boa gatucada (Baía)”, indica González.

" Nada nos poemas foi calculado, mais subxace a convicción de que a poesía é música e misterio. Eu son aínda a nena leitora fascinada pola musicalidade dos poemas e por palabras que moitas veces non entendía, que eran un enigma", sinala Pallarés nesta extensa conversa.

Juana de Vega

Abre o semanario unha reportaxe tamén a cargo de Montse González acerca do legado político de Juana de Vega.

" Nin dóciles, nin submisas, senón mulleres conscientes das súas responsabilidades cos máis desfavorecidos e sen medo a enfrontarse coas autoridades masculinas para conseguir os seus propósitos. Así describe o historiador Xosé Ramón Veiga as damas da Asociación de Señoras de Beneficencia da Coruña, da que Juana de Vega foi presidenta. ", explica González.

Os retos da natureza

"Mareas vivas, xa nunca máis. O mar, o mar... quen mo foi levar?, pregunta Mercedes Peón na súa canción O mar, aquela que abría a célebre serie Mareas Vivas na televisión pública galega. 24 anos despois, o mar da Galiza, ese bravo océano Atlántico que baña as súas costas, pode responder a Peón: levounos o mar a contaminación, a sobreexplotación das pescarías, o cambio climático, a eólica mariña..”. Así inicia Elvira Branco a que supón a segunda reportaxe deste Sermos.

" O mes de xuño trae os días mundiais dos arrecifes, do medio ambiente e dos océanos, ocasión que aproveitamos para analizar o seu estado", relata.

Literatura, música, cinema... E máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Inma Otero analizan na sección de Libros as últimas novidades do ámbito editorial, a comezar por O cento voando. Amores, alianzas e non-monogamias (Xerais, 2023), Ultraluz de Ledicia Costas.

No apartado musical, Fernando Montenegro analiza Something to Believe In un disco de jazz que ten “inquietude investigadora e vontade de explorar novos camiños”. Pola súa parte, David Regueiro escribe un artigo titulado ‘Jazz para debutantes’.

E o experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Tetris, dirixida por John S. Baird. Aliás, Branca Novoneyra trasládanos a segunda parte da súa serie ‘Poemas míticos’. Anxo Fole, polo seu lado, achéganos varias receitas para probarnos na casa.

E, por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios