'Sermos Galiza' debulla as posibilidades de que os hórreos pasen a ser patrimonio da humanidade

O semanario recolle unha extensa reportaxe sobre estes elementos que están presentes en toda Galiza pero tamén noutros territorios. Ademais, inclúe unha entrevista coa musicóloga e compositora Margarita Viso, entre outros temas de interese. Para gozar do sábado como se merece non tes máis que achegarte á libraría polo Nós Diario e o Sermos Galiza.
Imaxe dunha das páxinas da reportaxe sobre os hórreos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe dunha das páxinas da reportaxe sobre os hórreos. (Foto: Nós Diario)

Unha nova fin de semana poderás contar coa compañía do Sermos Galiza, que nesta ocasión abre cunha ampla reportaxe sobre un dos elementos patrimoniais máis recoñecidos e recoñecíbeis do país: os hórreos. A través da reportaxe "Hórreos, posíbel patrimonio da humanidade" a xornalista Mar Álvarez repasa algunhas das pezas fundamentais que se poden atopar na Galiza e tamén fai referencias a outros territorios.

No texto deixa claro quer o valor material, quer a importancia como elementos da cultura inmaterial.

Neste número tamén atoparás unha entrevista á compositora, intérprete de piano e musicóloga Margarita Viso. O repaso á situación da música clásica, ao mundo da composición e á traxectoria en xeral da autora. Vai asinada por Lois Alcayde Dans e incorpora imaxes de Miguel Abalo.

Outra dos temas do novo número do semanario é "Os Monicreques de Kukas. Das festas populares ao pazo de Ópera". Manuel Xestoso revela as chaves desta compañía, que logrou o Premio da Crítica da Galiza na modalidade das artes escénicas

Por outra banda, xa pensando en baixar a primeira quenda das comidas do Nadal, o Colectivo Xea propón un novo itinerario na sección Andar e Ver. Adela Leiro, Xan Colazo e Mon Daporta lévante de paseo a "Cabanas, do Eume ao rego do Castro".

O Sermos complétase coas habituais críticas de cinema, teatro, libros e cinema da man de Manuel Xestoso, Andrés Castro, Mario Regueira, Susana Sanches Arins, Belém Tajes e César Morán.

Aliás, por se a lectura non completase o tempo de desconexión, Xerardo R. Roca e Xoán Costa fornecen unha dupla con entretidos pasatempos.

Se queres gozar dos contidos do semanario non tes máis que ir ao quiosque ou a libraría este sábado e procuralo xunto co Nós Diario. Tamén o atoparás na nosa tenda online. Para evitar imprevistos no futuro, xa é hora de facer a subscrición!

Comentarios