Sermos aposta no último traballo musical do artista e investigador Xurxo Fernandes

O semanario, que atoparás mañá na rúa xunto co Nós Diario, afronta tamén a cultura galega desde dous puntos de vista: o lexislativo e o de promoción e proxección máis alá das fronteiras propias.
Imaxe da entrevista a Xurxo Fernandes. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe da entrevista a Xurxo Fernandes. (Foto: Nós Diario)

Novo sábado e nova cita co Sermos Galiza! E a música estará presente tanto na análise semanal das novidades como na entrevista, protagonizada por Xurxo Fernandes e a chegada do seu novo disco. O título é "Xurxo Fernandes. Ser en minoría".

Nesta ocasión a reportaxe de apertura do semanario repara na estratexia cultural da Xunta da Galiza baixo o título "Política cultural? A cultura busca un marco lexislativo". No texto o xornalisma Manuel Xestoso sitúa na mesa todos os acontecementos que xurdiron vinculados ao cambio do estatuto de Agadic.

Nunha análise pormenorizada amosa as dúbidas da "escena cultural galega" sobre o traballo da equipa de Alberto Núñez Feixoo, pois este vén sendo criticado por distintos grupos desde hai tempo.

Aliás, o artista e investigador Xurxo Fernandes revela detalles do seu último traballo discográfico. Nunha entrevista que realiza Irene Pin, o intérprete, coñecido por proxectos como Radio Cos ou Pandereiteiras Sen Fronteiros (entre outros), repara na convivencia da voz e a percusión, no seu papel na investigación, nas músicas sefardís...

Pola súa banda, Tensi Xesteira fai un exercicio de hemeroteca ao falar dos éxitos dos Premios Mestre Mateo. Na "Eclosión do cinema galego", subliña os éxitos acadados polo cinema galego feito en galego. Así, analiza a súa proxección a nivel do Estado español e mesmo desde o punto de vista internacional.

Como cada sábado, repite a sección Andar e Ver da man e dos pés do Colectivo Xea (formado por Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo). Nesta ocasión o grupo proponche camiñar desde "A fervenza do Marraxón mais o río Belelle".

Na cita coa literatura atoparás as sinaturas de Mario Regueira e Manuel Barreiro, que neste caso fala de banda deseñada. Tocando as notas chave da música estarán Olga Brañas e Mario Vilariño, mentres que os filmes pasan pola capacidade analítica de Andrés Castro.

Pepe Barro destina a área de Deseño á influencia de Alberto Corazón e Lázaro Armental amosa o debate do ruído na sección de Arquitectura. Completan a oferta os pasatempos creados por Xerardo R. Roca e Xoán Costa pensando no teu tempo de ocio.

Queres descubrir máis sobre o Sermos Galiza de mañá? Non hai máis traballo que ir aos quiosques ou acceder á nosa tenda en liña para mercar o número que acompaña ao Nós Diario. E para evitar mesmo esa actividade e descansar todo o sábado... Fai xa a túa subscrición!

Comentarios