O Sermos analiza a vida de risco das e dos percebeiros

No semanario que atoparás este sábado nos quiosques, acompañado do Nós Diario, tamén poderás coñecer un pouco máis á autora Lupe Gómez e descubrir os trazos da nova arquitectura.

 

Imaxe dunha das reportaxes que inclúe o Sermos este sábado. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe dunha das reportaxes que inclúe o Sermos este sábado. (Foto: Nós Diario)

O Sermos non para polo Nadal e o primeiro número do ano abre cunha batería de imaxes do traballo no mar. En concreto, en “O paradoxo do percebe”, Cláudia Morán e Brais Lorenzo levarán ás e aos lectores até Corme.

No medio das pedras e da bravura do mar explicarán esa dicotomía que é arriscar a vida para ter a posibilidade de gañala. Esa é a realidade das e dos percebeiros da Galiza, unha sorte de superheroes  que loitan contra os elementos.

A xornalista Montse Dopico encárgase dunha entrevista que titula “Lupe Gómez. Memoria e terra”, que vai acompañada dunhas fotografías tomadas por Arxina. A escritora de obras como Caracois en Belvís ou Silabario fala da súa traxectoria e da realidade actual da literatura.

Iago Valverde opta por explorar a arquitectura que sae dun estudo novo. En “Müller e Feijoo. Obra contrextual” os técnicos contan algúns dos seus segredos á hora de pensar e desenvolver un proxecto.

Despois de tanto cultivar a mente, será a quenda de cultivar o corpo canda o Colectivo Xea. Da man de Xan Colazo, Mon Daporta e Adela Leiro poderán descubrir máis da Serra da Faladoira na sección Andar e Ver.

Tampouco faltarán no semanario as análises dos libros do momento por parte de Mario Regueira e Manuel López Foxo. Irene Pin e Iván Varela abren á mente a novas apostas musicais e Andrés Castro debulla o cinema que se pode ver estes días.

Ademais, Carlos L. Bernández amosa chaves da arte e Cilia Torna pescuda nos mapas. Tampouco faltan á súa cita de cada sábado os pasatempos de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Se queres gozar de todos estes contidos só tes que procurar o Nós Diario e o Sermos que estará nos quiosques ou na nosa loxa online este sábado. Porén, para evitar esquecementos, a recomendación é facer neste momento a túa subscrición!

Comentarios