O Sermos analiza con Alberte Blanco as relacións de poder na loita pola hexemonía mundial

O semanario estuda o fenómeno da "liternatura" e pon de actualidade o debate sobre as cruces dos caídos que aínda se atopan polo Estado español como referencias ao franquismo. Se queres ler as reportaxes só tes que acudir ao quiosque ou mercar a versión dixital do semanario na nosa tenda en liña.
Imaxe da entrevista a Alberte Blanco. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe da entrevista a Alberte Blanco. (Foto: Nós Diario)

O sábado xa está aquí e con el chega un novo número do Sermos Galiza, que sorprende xa desde o inicio cunha capa protagonizada por unha ilustración do artista Álex Rozados. A peza fai referencia á reportaxe de apertura, "Liternatura. O berro da natureza", unha ampla análise sobre unha nova tendencia que está a funcionar no mercado dos libros. O xornalista Manuel Xestoso repara na "conexión" entre a natureza e a tendencia editorial que está a funcionar ao fío dos problemas de saúde do planeta.

Na entrevista desta semana, Mar Álvarez titula "Alberte Blanco. A trampa neoliberal" e conversa co profesor e escritor sobre a saída ao mercado da súa obra Xeopolítica, pandemia e poscapitalismo.

No escrito, o tamén colaborador de Nós Diario, repara nos vínculos de poder entre as elites e as potencias que loitan pola hexemonía mundial. Así responde a interrogantes sobre a esquerda, o neoliberalismo, as consideracións políticas, a nova crise...

"As cruces dos Caídos como monumentos franquistas", un texto asinado por Manuel Monge, recolle unha valoración desas obras que naceron para "perpetuar" a lembranza da ditadura.

Por outra parte, na sección Andar e Ver, o Colectivo Xea (Xan Colazo, Mon Daporta e Adela Leiro) van de visita "Polo litoral de Corcubión" e fornecen algunhas das pistas para as e os camiñantes que aproveiten os días libres da Semana Santa para seguir as súas pegadas.

Se es unha persoa afeccionada as artes non podes perder as amplas seccións de recomendacións literarias -a cargo de Mario Regueira e Susana Sanches Arins- e musicais, que chegan directas desde os reprodutores de Belém Tajes e César Morán.

Andrés Castro ofrece a súa visión do cinema e Manuel Xestoso fala de cuestións teatrais. Fechan o semanario os pasatempos creados por Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Se non queres perder ningún contigo, o único que tes que facer é ir ao quiosque ou mercar o Sermos Galiza que se publica mañá co Nós Diario na nosa loxa en liña. Para evitar apuros de última hora o máis recomendábel é ir facendo a subscrición!

Comentarios