Sexta edición do festival de contidos dixitais

As series 'Nosaltres' e 'Gente hablando' triunfan no Interplay de Carballo

O Interplay de Carballo rematou este sábado coa publicación do seu palmarés. E nel triunfaron, de entre máis de 200 propostas recibidas de todo o mundo, dúas series, a catalá Nosaltres e a española Gente hablando.
 

gala interplay carballo
photo_camera Imaxe da gala Interplay de Carballo o sábado 6 de abril. Foto: Interplay.

A webserie Nosaltres, capítulos de dez minutos sobre o acoso, a relación coa familia ou a mocidade, levou os galardóns á mellor serie estatal, á mellor dirección -María Medinilla e Roger Grau- e mellor actriz -Paula Jornet. De “obxectivo claramente pedagóxico”, realizouse coa supervisión de profesores de secundaria. Produce a Fundación Montblanc.

A outra triunfadora do certame foi Gente hablando. Premio do público, mención especial do xurado -composto por Manuel Bartual, Christian Flores, Natalia Flores, Marta Piñeiro e Daniel D. García-, e distinguida polo guión -de Álvaro Carmona- e polo actor -Ramón Barea. Serie de autor da plataforma de contidos dixitais Flooxer, de Atresmedia, estrutúrase en episodios de dez minutos centrados nunha conversa entre dúas persoas.

Noutras categorías, venceron As cousas do choio, un videoblog protagonizada polo ocotoxenario Juan O Choio, mariñeiro youtuber, que se fixo co premio á mellor serie en versión orixinal en galego. Houbo ademais mención especial para Cativos na cociña, que “ofrece produtos e receitas da Galiza enxebre a través dos ollos do cativo”.

A mellor serie internacional foi para a arxentina Tarde baby, que retrata un futuro post apocalíptico en que Malena Pichot e Charo López sobreviven a forza de alfajores caducados e veneram a tenista Gabriela Sabatini.

O xurado novo -Carlota Añón Varela, Uxía García Jiménez e Sandra Romero García- outorgou o seu premio á segunda temporada da comedia musical Mambo, de David Sainz, que tamén se fixo co premio á mellor campaña de difusión en liña, mentres que o premio ao mellor "Dinosaurio" foi para Beti, de Séver Producciones.

Comentarios