E como sería o San Froilán hai cincuenta anos? As letras van de festa

“A Letra das Festas” é a iniciativa coa que a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega conmemora o San Froilán. Unha ducia de lugueses e luguesas do mundo da cultura xúntase o día 10 para lembrar como eran hai cincuenta anos as festas máis populares. 

San Froilán
photo_camera San Froilán

Coordinado por Isidro Novo e Antonio Reigosa, da sección de literatura de tradición oral da AELG, a iniciativa xuntará o próximo 10 de outubro ás 19.30 a unha ducia de persoas do mundo da cultura para que “conten” a súa memoria do San Froilán. O programa “A Letra das Festas” recuperará as historias que acontecían hai cincuenta anos por estas datas, cando Lugo se converte na capital da festa na Galiza e a música, as atraccións e as anécdotas pasaban a formar parte da memoria persoal de quen gozaba co balbordo destes días. 

Adela Figueroa, Suso Arrizado, Pilar Yáñez Lombardía, Higinio Martínez Fernández de la Vega, Xerardo Pardo de Vera, Felipe Arias, Xosé López, Jorge Chao, Manuel Pajón, Xesús Regueiro, Concepción López Fernández e Alfonso Blanco Torrado participarán neste particular faladoiro, que ten lugar en plenas festas de San Froilán coas conmemoracións con protagonistas. Sito Sedes e Sergio del Castillo, voz e piano, encargaranse dos interludios musicais. 

A imaxe dunha longa mesa de táboas nunha barraca na que se xunta un grupo de xente arredor do polbo, o viño e o pan cedida por Carlos Valcárcel é a imaxe do cartaz que trae tamén a conmemoración doutro tempo,  con elementos que aínda se manteñen.  

Comentarios