Sergio Sink: "Ilusionoume que editoriais galegas aposten por autores noveis de banda deseñada"

Sergio Sink (1991) foi finalista do Premio Internacional de Escolas de Manga e Cómic 2020 na modalidade de 'storyboard'. Este estudante de segundo curso da Escola O Garaxe Hermético ten claro que quere facer da banda deseñada o seu medio de vida e augura un longo percorrido para o sector no país. 
O estudante de banda deseñada Sergio Sink (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera O estudante de banda deseñada Sergio Sink (Imaxe: Nós Diario)

Como se sente o finalista dun certame no que participan escolas de todo o mundo?
Ao principio tomeino como un exercicio máis, sen demasiadas expectativas. Conformábame con coñecer a opinión de expertos profesionais. Avisáronme cun mes de antelación, pedíndome as páxinas para traducilas a varias linguas. Pensei “que ben!”, pero aínda non asimilara a importancia de gañar un concurso a nivel internacional. Publicados os resultados, as sensacións boas botáronseme enriba, é unha alegría enorme que deixa un sabor de boca marabilloso e máis ganas de seguir creando.

—Que valorou o xurado?
Son bastante bos, polo xeral, e son sinceros. Dinme puntos a mellorar, para ser diferente, que é o que máis valoro e do que máis ganas tiña.

—Foi difícil adaptar a base da historia, que xa viña dada, ao seu estilo?
Eu tiña outros exercicios que facer, cumpriuse a lei do debuxante, do “hai que tirar para diante, porque hai présa”. O tempo era limitado, unha vez vin o storyboard pensei que podía deseñar de novo as personaxes, mudar a historia, porque o concurso daba esa opción. Mais, polos tempos, limiteime a debuxar de maneira natural, como me sentía cómodo, mais dando o dó de peito para ter os mellores acabados posíbeis e gozando do proceso. Quedei con ganas de darlle un estilo máis persoal e máis forza aos debuxos.

Rematei debuxando grazas a esas series que consumía de pequeno e, a base de imitación, adquirín un estilo persoal

—Emprega a estética do manga xaponés, séntese cómodo aí?
O manga é polo que máis gusto teño. Fun un dos moitos galegos que se criaron vendo as aventuras de Son Goku nas Bolas Máxicas na TVG, xunto con outras series como Detective Conan. Rematei debuxando grazas a esas series que consumía de pequeno e, a base de imitación, adquirín un estilo persoal.

—Cando decide estudar banda deseñada?
O debuxo é, máis que un gusto, unha pulsión. En Bacharelato, cando tes que decidir o teu camiño, optei polo grao en Belas Artes porque pensei que habería unha parte do ensino relacionado coa banda deseñada e da ilustración. A oferta non cumpriu as miñas expectativas e despois do primeiro curso marchei e decidín entrar no Garaxe Hermético.

—Que descubriu sobre vostede mesmo como autor na escola O Garaxe Hermético?
O proceso foi marabilloso. Entrei cunhas ideas moi claras, quería debuxar manga porque é o que practicara e estaba seguro de que podía facelo. Logo duns meses de coñecer outras obras comecei a pensar “Que bo este álbum francés!”, “Como me gusta este cómic italiano!”. Ábreseche un mundo. Outra parte que me gustou moito foi ver de primeira man a experiencia de profesionais, é algo moi importante á hora de dedicarte a un oficio. Recibimos aulas de autores en activo e constantemente vemos como enfrontan os desafíos que agora nós enfrontamos a modo de ensaio e que enfrontaremos no futuro.

Quero ser debuxante e guionista de banda deseñada

—Aposta, daquela, pola vía profesional?
Si, quero ser debuxante e guionista de banda deseñada. No curso que vén tocará levar adiante un proxecto persoal e xa agora estamos traballando nuns álbums colectivos que se publican cada ano. Preparamos un que, por mor da pandemia, atrasouse. E estamos con outro co que queremos homenaxear un coñecido autor galego que non vou desvelar, pois é unha sorpresa.

—Ten algunha idea no caixón para ese proxecto?
Teño gustos persoais que me poderían levar a escribir unha historia sobre o rural, que é de onde eu son e co que sinto máis empatía e confianza, pero non teño unha gardada no caixón de sempre. Nunca tiven esa historia que queres contar e ensinar a todo o mundo. Unha vez consigo atopar unha historia que me convenza, poño toda a miña personalidade nela e intento levala a cabo. A inspiración podo atopala nos videoxogos, na propia banda deseñada, ou sendo observador do día a día, das cousas que pasan desapercibidas a outras persoas. 

Teño gustos persoais que me poderían levar a escribir unha historia sobre o rural, que é de onde eu son e co que sinto máis empatía e confianza

—Durante os meses do confinamento atopou inspiración?
O comezo non foi difícil, non notei diferenza porque paso o día encerrado na casa. Ao mes xa comecei a botar en falta certo contacto co exterior, aí comecei a percibilo. Por entón aínda estaba traballando co cómic co que fun finalista no concurso. Hai momentos nos que tes que tirar para diante. Cando estea traballando nisto, xa non poderei deixarme vencer por este tipo de situacións.

—Provén dun concello rico en debuxantes. 
Son de Ponteareas, concretamente da parroquia de Arcos. Hai outros dous alumnos da escola, Anémona de Río e Pablo Prado que publicaron recentemente dous álbums con Xerais e con Galaxia: A proba da auga e mais a adaptación da novela de Berta Dávila, O derradeiro libro de Emma Olsen. Aquí estamos, creando canteira e con moitas ganas de facer cousas.

 —Animouno comprobar que as editoriais galegas apostan pola banda deseñada?
Ilusionoume que as editoriais galegas aposten por autores noveis de banda deseñada. Ese tipo de novas provocou que quixese estudar banda deseñada cando aínda barallaba facelo. Sabía que se agora editan álbums, nun ou dous anos vai ser máis frecuente. E que vai facer medrar a industria, estou seguro de que vai ser así e de que esta profesión ten futuro.

Sabía que se agora editan álbums, nun ou dous anos vai ser máis frecuente.

Comentarios