domingo 31.05.2020

“Ser dunha lingua minorizada implica que sempre tes que dar unha explicación”

Isaac Xubín e Ruper Ordorika están estes días por Galiza nunha mini-xira. Un recital no que música e poesía, galego e euskera, ispen para nós Joseba Sarrionaindia. Falamos cos dous nunha pausa durante a proba de sonido para a actuación compostelán.

Isaac Xubin e Ruper Ordorika
Isaac Xubin e Ruper Ordorika

Isaac Xubín, escritor e tradutor, traducíu Joseba Sarrionaindia ao galego, un traballo, 'Tempo de Exilio', que foi merecedor do prestixioso premio Etxepare, que concede a fundación do mesmo nome. Ruper Ordorika, un dos renovadores da música vasca, vai cara as catro décadas de traxectoria, un camiño no que varios treitos levan a compaña de Joseba Sarrionaindía a través das súas letras. Sarrionaindia, Sarri, é o verdadeiro protagonista do recital embora non estar presente. Ou quizás si. Após o realizado esta terza feira en Compostela, as seguintes citas son cuarta feira en Vigo ('De catro a catro', 20:30) e A Coruña (libraría 'Linda Rama', 20:30).

- Como naceu este proxecto? De onde partiu a idea que deu lugar a esta mini-xira tans ingular por Galiza?

- Isaac Xubín: 'Tempo de Exilio', a tradución ao galego de poemas de Joseba Sarrionaindia, recibiu o premio Etxepare, que na súa dotación económica destina unha parte a promocionar e axudar a difundir a obra premiada. É de aí de onde saen estes recitais con Ruper por Galiza.

- Mais xa tiñades colaborado...

- Isaac: A única experiencia que tiñamos antes foi no festival Literaturia, en Zarautz, onde coincidimos os dous, e como xa sabiamos que habería algo disto partillamos escenario nunha canción de Ruper con letra de Sasrrionaindia, 'Martin Larralde', que eu receitei en galego. Saiu ben e xa se activou isto.

Non vexo a sociedade galega, por dicilo así, a empoderarse dos recursos necesarios para defender o idioma

- Un poeta como Joseba Sarrionaindia, cunha produción tan ligada ao euskera, traducido ao galego e agora interpretado en recitais en Galiza. É tan complexo como soa ou foi máis doado?

- Ruper Ordorika: Ten a súan complexidade, ten. 'Tempo de Exilio' é a primeira antoloxía que hai da poesía de Sarrionaindia traducida. Había catro ou cinco poemas traducidos ao español en Madrid na editorial 'Ardora', no libro 'Ocho poetas raros' e pouco máis. Iso xa dá idea de que isto é un pouco excepcional. O personaxe nisto é Isaac, que fai de ponte, que pode referirse ao texto orixinal. Para min poder facer isto, este proxecto, é un premio. Hai catro anos xa estiven en Compostela con Kalandraka e para presentar un libro de poetas vascos traducidos ao galego, no que figuraba Sarrionaindia e a tradución era de Isaac, até parece que por aí xa andaba o xerme disto (sorrí)

Para min poder facer isto, este proxecto, é un premio

- Vedes, finalizados estes tres concertos (Compostela, Vigo e A Coruña), unha continuidade a este proxecto, con este modelo ou ben con outro formato?

- Isaac: A min persoalmente gústame pensar nos proxectos, e máis se son tan excepcionais como este, como algo que ten un principio e un fin. E pensei nisto como esta xira de tres días, mais a verdade é que, non sei, a verdade tampouco pensei moito niso (ri)

- Ruper: Isto tamén ten a súa dose de improvisación. Veremos o que pasa...

- Como vedes a relación entre dúas culturas como a galega e vasca? De habela, claro. Haina? Considerades que houbo un achegamento? Viven de costas unha a outra?

- Isaac: Eu, persoalmente, creo que hai moito coñecemento superficial mais pouco coñecemento profundo. A proba é que eu non tería que ter sido, por idade, o tradutor de Joseba Sarrionaindia, tería que ser alguén da súa xeración. Que tardase tanto en se traducir ao galego a obra dun gran escritor tan próximo xeograficamente é proba non necesariamente de desinterese mais si de descoñecemento.

“Culturalmente houbo un diálogo entre Galiza e Euskal Herria" 

- Ruper: Eu teño unha visión un pouco diferente. De rapaces, no grupo Pott [del facían parte Bernardo Atxaga, Joxe Mari Iturralde, Sarrionaindia e Ruper Ordorika, entre outros] seguiamos bastante de cerca o que se facía en Galiza. Eu coñezo máis daquela época que do que se fai agora: Celso Emilio Ferreiro, Méndez Ferrín, Uxío Novoneyra... Mais tamén entramos nun tunel de afastamento, desde a miña experiencia, repito. Hai que ter conta que Gabriel Aresti xa traduciu hai décadas cousas do galego. Temos traducido a Castelao ao euskera hai moitos anos, o que era importante para nós. Curiosamente agora, que hai moita máis información a man parece que está todo como máis lonxe. Pero, insisto, é na miña opinión. E isto que digo para a literatura tamén o podo dicir para a música. Eu coñecía naquela época aos cantantes galegos e agora coñezo moito menos.

- Isaac: Ligando co que falabamos do pouco coñecemento profundo, todo o mundo coñece 'Sarri, Sarri' mais moi poucos saben de que vai (rí). É como unha metáfora: coñecemos a canción, si, vale, chegounos aquí, mais non temos nin idea de que vai. Mais si, si que é certo que culturalmente houbo ese diálogo ao que se refería Ruper.

Un dos pecados dos que adoece a cultura galega é que a literatura ocupa un espazo que apenas deixa osíxeno a outras facetas e expresións

- De feito o propio Sarrionaindia facía parte dese diálogo: coñecedor da literatura galega, admirador de autores como Manuel Antonio, traduciu poetas galegos..

- Isaac: Certo, de feito que a primeira escolma que hai de Sarrionaindia sexa en galego non é casualidade.

- Ruper: Hai que ter en conta que el tamén traduciu portugués e coñece ben esa lingua.

- Sarrionaindia é un autor moi versionado na música vasca e por cantantes e grupos de estilos moi diferentes. En Galiza non atopamos unha figura equivalente, se ben tamén é unha música, a galega, onde, refírome ao rock, non se recurriu tanto a letras de poetas como na vasca..

- Isaac: Precisariamos alguén que fixese letras. Un dos pecados dos que adoece a cultura galega é que a literatura ocupa un espazo que apenas deixa osíxeno a outras facetas e expresións: música, teatro, audiovisual. Porén, o que chegou aquí a Galiza, da cultura vasca, na nosa xeración non era tanto a literatura como a música.

O idioma é un paraíso no que entro sempre a gusto

- Ruper: As miñas primeiras cancións con textos de Sarrionaindia son do século pasado, de 1983, cando el xa estaba preso. Desde entón fixen moitas cancións con textos del mais non só eu, moitisimos outros empregan os seus poemas para as súas cancións. Que se musiquen tantos poemas del e tamén doutros autores ten unha vertente positiva, claro. Mais tamén ten outra que, e non me gustaría que soase cínico, dá que pensar: a miudo o euskaldun é moi inseguro sobre o seu coñemento da lingua e ás veces busca un talismán. E cando usas un poema dunha persoa tan recoñecida como Sarri pois é como se estiveses a salvo, ninguén vai dicir “vaia merda que fixeches!”. A min custoume un tempo ter a seguridade de poder escribir os meus propios textos, recurría ao que escribira Atxaga, Sarri..

Eu adoito sempre dicir que un bo poema non fai necesariamente unha boa canción, unha boa canción é un xénero en si propio e se ben sempre lle gusta a poesía, tamén ás veces lle pode gustar un retrouso que di 'tararí-tururú', ou un anuncio na rúa. Todos lembramos cancións con letras parvas, non é?

“No mundo hai un intercambio cultural que nos obriga a pensar doutro modo a supervivencia das linguas minoritarias”

- Ambos os dous tendes a lingua como unha ferramenta de traballo mais tamén como co que crear, moldear ao tempo que é algo persoal e íntimo... Como vedes a súa situación?

- Isaac: Hai un mes botaron do seu traballo en Cork, na República de Irlanda, a unha persoa por falar gaélico. Creo que aquí, en Galiza, a xente considera que a panacea e a salvación do galego vai vir cando as administracións coiden o galego e lle dean dereitos e protección. E iso non ten porque suceder necesariamente. Irlanda é un estado independente e pasan aínda cousas como a que acabo de contar. O exemplo que nos dá o País Vasco, a onde non miramos simplesmentre porque a súa lingua pertence a outra familia, é que se queres algo, faino ti, non agardes a que cho dean. Mais non vexo a sociedade galega, por dicilo así, a empoderarse dos recursos necesarios para defender o idioma. E isto non é unha carencia que a sociedade galega teña só no que respecta ao idioma

A min custoume un tempo ter a seguridade de poder escribir os meus propios textos, recurría ao que escribira Atxaga, Sarri..

- Ruper: Nós vimos dunha noite moi escura, noite que en certos aspectos aínda continúa. Debemos ter en conta que a unificación do vasco escrito ten 50 anos, moi pouco tempo mais abondo para empezar a revisar as cousas. Cando se institucionalizan estes temas, deléganse, e ser unha lingua minorizada significa que sempre tes que facer un esforzo extra. Fas o teu traballo e, ademais, tes que dar unha explicación, porque enfronte tes culturas moi poderosas.

Hai moita máis xente agora que fala euskera que antes mais xa non fica nin un só monolingüe en euskera. Tamén falan, polo menos, español ou francés. E iso cando somos moito máis consumidores que actores leva a que como consumidor cultural moita xente en Euskadi se comporta como o consumidor medio europeo e isto require outro tipo de visións.

Para min o idioma é o material que eu moldeo, é un paraíso no que entro sempre a gusto, sempre aprendo, para min é fundamental para entender o que fago. Fico con iso, as consideracións sociolingüísticas son moi complicadas,mais importantes. Non só a cuestión da relación de poder, que basicamente é iso. No mundo hai un intercambio cultutral que nos obriga a pensar doutro modo a supervivencia das minorías

comentarios