A elección, o 24X

Seoane, De la Sota e Palacios, finalistas ao Día das Artes 2018

Luís Seoane, Daniel De la Sota e Antonio Palacios. De entre estes tres nomes sairá o elixido para coller o relevo de Maruxo Mallo, a quen se lle dedicou o Día das Artes no presente ano.

[Imaxe: Xurxo Lobato] Real Academia Galega de Belas Artes
photo_camera [Imaxe: Xurxo Lobato] Real Academia Galega de Belas Artes

O plenario da Real Academia Galega de Belas Artes reuniuse este sábado, 27 de maio, na cidade da Coruña para elixir, de entre as catro candidaturas que recibira, os tres finalistas que concorrerán ao Día das Artes Galegas 2018.

Segundo puido saber Sermos Galiza, a Academia terá que elixir entre Luís Seoane, Alejandro de La Sota e Antonio Palacios nunha sesión que se celebrará o próximo mes, no pleno do 24 de xuño. Fontes consultadas, afirman que na reunión desta mañá designáronse os tres finalistas por esta orde: Seoane, De la Sota e Palacios.

Luís Seoane foi proposto pola Real Academia Galega e a Agrupación Cultura Alexandre Bóveda, mentres que Alejandro de la Sota foi proposto polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza e Antonio Palacios, por un grupo de académicos.

Quen é quen

Pintor, escritor e xornalista, Luís Seoane (Buenos Aires, 1919-A Coruña, 1979) deulle á plástica galega unha creatividade comprometida co seu tempo. O tamén debuxante, gravador, cartelista e deseñador de libros e cerámica é autor dunha obra tan extensa como as súas inquedanzas artísticas e intelectuais. As súas pinturas reflicten o amor a Galiza e universalizan paisaxes, símbolos e personaxes galegos. Foi o homenaxeado do Día das Letras Galegas en 1994.

Alejandro de la Sota (Pontevedra, 1913-Madrid, 1996) foi o arquitecto de obras como o Colexio-Residencia da Caixa de Aforros Provincial de Ourense (1966-1967); do Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra (1966); da Biblioteca Universitaria de Santiago (1990) ou do Banco Pastor de Pontevedra (1974). Tamén foi o arquitecto de obras alén do país, como a Pedanía de Esquivel, en Sevilla; as Vivendas da Rúa Prior, de Salamanca, ou o Colexio Maior César Carlos, de Madrid.

Antonio Palacios (O Porriño, 1874-Madrid, 1945) é o arquitecto da casa consistorial do Porriño (1918); da Fonte do Cristo, no mesmo concello (1904); do monumento á Virxe da Roca en Baiona (1910); do Teatro García Barbón de Vigo (1926-1927); do Hotel-Sanatorio de Mondariz (1917) ou do Templo da Vera Cruz do Carballiño (1943-1960). Aliás, desenvolveu a súa traxectoria como arquitecto en Madrid con obras como o Gran Casino; o Palacio de Comunicacións; o Hospital de Jornaleros de Maudes; o edificio para o Círculo de Belas Artes ou o Banco do Río da Plata.

Comentarios