O Sentimentalismo preséntase en Compostela en tres volumes e pluralidade de voces

@s poetas Yolanda Castaño, Francisco Fernández Naval, Baldo Ramos, Eva Veiga, Olalla Cociña e Berta Dávila xunto cos antólogos Manuel Celso Matalobos, Olga Patiño Nogueira, Xavier Lama, Branca Novoneyra e Mariña Pérez Rei participarán na presentación en Compostela esta terza feira día 28 das tres antoloxías do Sentimentalismo . 

Branca Novoneyra
photo_camera Branca Novoneyra

A presentación en Compostela da “Antoloxía de referencia” cos tres volumes terá lugar na galería Bus Station Space (praza de Camilo Díaz Valiño, 17, enfronte da estación de autobuses de Compostela) esta terza feira, 28 de xaneiro, ás oito da tarde, nun acto no que estarán presentes antólogos e antólogas ademais dun importante número de poetas participantes nos tres volumes. 

Tres volumes para unha “Antoloxía de referencia”. Sete autores e autoras de distintas correntes literarias en cada un deles. Todos eles, unidos polo chamado Sentimentalismo, movemento promovido polo poeta Xesús Manuel Valcárcel que se basea nunha “concepción integradora da creación artística, e no recoñecemento de que todas as persoas contribuímos á creación do espazo común”. 

Do primeiro dos volumes, titulado, “Etapa de fundación”, encargáronse Manuel Celso Matalobos e Olga Patiño que escolmaron obra de Carlos Arias, Cristina Ferreiro Real, Xesús Alfonso Parada, Mariña Pérez Rei e Xesús Manuel Valcárcel.

“Etapa de implantación” é o segundo dos volumes que foi preparado por Carlos Arias e Mariña Pérez Rei e recolle poemas de Yolanda Castaño, Xulio Cid Neira, Olalla Cociña, Francisco X. Fernández Naval, Xabier López Marqués, Baldo Ramos e Eva Veiga.

Xavier Lama e Branca Novoneyra son responsábeis da escolla de obra para o terceiro dos volumes, “Etapa de expansión”, no que se escolmou obra de Berta Dávila, Cristina Ferreiro, Xurxo Martínez González, Celia Parra, Elías Portela, Ismael Ramos, Helena Salgueiro. 

Comentarios