Sendeirismo de asfalto con música como paisaxe

Sendeirismo sobre o asfalto. Música como paisaxe. O programa “Música en Branco” bota a andar catro rúas peonís polo barrio de Agra do Orzán para se atopar coa memoria colectiva a través do camiño da música. 

Mapa da Agra do Orzán
photo_camera Mapa da Agra do Orzán

“Paseos polo barrio” dirixido por Cristina Anllo iníciase cun obradoiro o sábado no centro Ágora co fin de deseñar os itinerarios das rutas que constituirán o primeiro programa de sendeirismo nunha cidade coa música como paisaxe a percorrer. Para se inscribir no programa é preciso enviar un correo a [email protected]

Paisaxismo urbano é o que propón “Música en Branco”, o programa creado por Sinsalaudio para a Concellaría de Cultura da Coruña, coa elaboración de catro rutas a pé, itinerarios que a propia veciñanza axudará a construír nun programa coordinado por Cristina Anllo, do equipo Microprojets. En tres partes artéllase o traballo de elaboración dos roteiros e a primeira terá lugar este sábado día 25 de maio de 17 a 20 horas no Centro Ágora onde se deseñará o percorrido das camiñadas de sendeirismo urbano. A esa xuntanza chegarán xa catro propostas que serán debatidas, ampliadas ou modificadas coa colaboración de viciños e veciñas que participen no obradoiro. Na segunda fase, compre experimentar coa memoria construída e botar a andar sobre os trazados deseñados de forma colectiva en roteiros que se desenvolverán ao longo do mes de xuño, sempre en domingo. Para outubro está prevista a terceira fase, titulada “Obradoiro de Bombas de Sementes” unha proposta para a intervención directa nos bordos dos camiños e que se completará coas audioguías coas que se poderá recorrer por libre a rota e as súas distintas paradas. Permitirán as audioguías que, mesmo cando remate o programa, continúe a posibilidade de que quen queira faga a camiñada por libre coa orientación musical e informativa como banda sonora. 

O programa e calendario da actividade é o que sigue: 

Obradoiro de deseño colaborativo das rutas a pé. Centro Ágora, o 25 de maio de 17 a 20
horas.
Ruta dende O Ventorrillo até a praia de Riazor, pasando polo Ágora, San Pedro de Visma
e San Roque. 9 de xuño de 10 a 14 horas. Punto de encontro: centro de saúde do Ventorrillo.
Convidado: César López Varela, biólogo e experto en algas.
Ruta dende o Parque de Santa Margarita até O Portiño, pasando polo Paseo das Pontes,
o Parque do Observatorio e San Pedro de Visma. 16 de xuño, de 10 a 14h. Punto de
encontro: entrada do parque polas oficinas do Museo da Ciencia. Convidado: Marco
Antonio Rivas Nodas, arqueólogo municipal.
Ruta dende a Estación de Autobuses até o Monte de San Pedro, pasando pola estación de
tren, o Parque de Vioño, o Polígono da Grela, A Silva, o Parque de San Pedro e Os Rosais.
23 de xuño de 10 a 14h. Punto de encontro: entrada da estación. Convidado: Carlos Iglesias,
técnico en industrias alimentarias e análise de solos.
Ruta dende Meicende até o Estadio do Deportivo, pasando polo encoro de Meicende, a
Estrada de Bens, a Terceira Rolda, Penamoa, o barrio dos Mariñeiros e a Cidade Xardín. 30
de xuño, de 10 a 17h con parada para comer. Punto de encontro: escaleiras de entrada ao
paseo do encoro, a carón do centro de saúde. Convidado: Juan López Bedoya,
xeomorfólogo, do equipo redactor do Plan de Ordenación do Litoral.

Comentarios