ELI RÍOS, GAÑADORA DO TORRENTE BALLESTER DE NARRATIVA

"Sempre hai unha nai supermuller e superheroína que pode con todo"


Eli Ríos (Londres, 1976), poeta até esta mañá, vén de destaparse como narradora gañando a primeira edición con modalidade de galego do Torrente Ballester, o premio mellor dotado -con moita diferenza- da literatura galega. 

1414501971269EliRios-por-EduardoCastroBal-2014-03
photo_camera Eli Rios [Foto: Eduardo Castro Bal]

- Vés de gañar o “premio gordo da literatura galega”, como o vén de definir o escritor Ramón Vilar no Facebook. E como dicías ti mesma na mesma rede social “os martes e 13 pasan a ser o meu día favorito”.
- Non teño que agardar ao día 22, efectivamente o premio gordo xa me veu hoxe [risos]

- Gañaches o primeiro Torrente Ballester con modalidade só de galego...
- Si, é fundamental e importantísimo o traballo que fixeron na Deputación da Coruña, porque non só dignifica o traballo das autoras, senón que dignifica o premio, que antes compartían tanto en castelán como en galego, e dignifica a todo un equipo enorme que hai por detrás, porque hai un comité elector e un xurado dunha calidade impresionante. E tamén toda unha serie de medios que están postos a prol do galego, sempre defendendo o que é a creación en galego. Teño que dicir que é unha auténtica honra poder estar neste premio e con este novo impulso que se lle deu. 

Estaba nun momento no que precisaba retos na vida, quería contar unha historia e non me chegaba un poema e precisaba a extensión da narrativa

- E ademais é a túa primeira novela, logo de gañar varios poemarios e gañar unha manchea de premios. Como foi que te botaches á narrativa?
Pois por necesidade, estaba nun momento no que precisaba retos na vida e quería contar unha historia, non me chegaba un poema e precisaba a extensión da narrativa. Ademais, esta novela ten unha complexidade formal coa que quería experimentar e xogar. Eu sempre o digo, as primeiras que nos temos que divertir co que escribimos somos as autoras. Non é un texto comercial, ten unha voz que é o fluír da consciencia, que xa de por si é moi complicado. Imaxinemos Joyce, todo o mundo opina sobre o Ulyses, pero ninguén o leu, porque é moi complicado de seguir. Para min supuña un reto facer un fluír da consciencia. E a outra voz é un diálogo, non hai un narrador que nos mastigue as palabras ou as situacións. Esixe unha interacción e que a persoa que le traballe nese texto para poder comprendelo e seguir a historia. 

- E que máis nos podes contar de 'Luns'? Sabemos que é un personaxe feminino diante dunha situación vital dramática e que está escrita con perspectiva de xénero...
- A perspectiva de xénero non vén ser outra cousa que unha protagonista que conta a súa propia historia. Estamos afeitas na narrativa a que sexa un narrador -e normalmente masculina- que nos vaia dictando as pautas sobre o que debe sentir ou como se debe sentir ou debe reaccionar. Neste caso é ao revés. A acción márcaa directamente a protagonista a través do que sente e a través do que vai vivindo, que é quen leva a acción adiante. É unha nai dunha nena e dun neno que ten 37 anos e que ten unha vida montada. Nesa vida entra un elemento que a distorsiona, que é un diagnóstico de cancro, que fai que esa realidade cotiá teña outra mirada sobre as relacións sociais, as relacións amorosas, os coidados, que sempre recaen na muller. Iso é o que ofrece 'Luns'.

Non lle prestamos atención a esas mulleres que están levantando o mundo, o país e as familias. 

- Antes dicías que tiñas a necesidade de contar esta historia. Por que?
- Porque é unha realidade coa que convivimos diariamente e non lle prestamos nin a máis mínima atención. Desde que os diagnósticos médicos están feitos sobre fisionomías masculinas e despois adáptanse ás femininas. No caso do cancro é moi sangrante o tema. Non funciona igual nun home que nunha muller. A mama dunha muller non ten o mesmo -ímoslle dicir- uso. E un home pode coller unha baixa e meterse un mes na cama, porque está enfermo. Unha muller non, ao mesmo tempo continúa coidando dos fillos, levando a casa, o seu traballo... é unha situación que hai en cada casa. Sempre hai unha nai supermuller e superheroína que pode con todo. E non lle prestamos atención a esas mulleres que están levantando o mundo, o país e as familias. Non lle damos a suficiente importancia e non preparamos as condicións vitais para que esta muller poida descansar un día, concho, que está enferma. Vaime saíndo o xenio segundo ía falando contigo [risos].

- Nada coma a paixón. E a partir de agora que podemos agardar da túa “carreira literaria”? Continuarás pola vía da narrativa ou volverás á poesía?
- Non o sei. Se cadra mañá atropélame un camión. En principio agora co que estou é coa colección de 'Mulleres bravas', que presentamos no Culturgal, e logo para os vindeiros meses hai un poemario que saquei coa Fundación Rosalía. 

María Victoria Moreno é a nai da literatura infantil e nunca se fala dela. Fálase de Neira Vilas, pero nunca dela. E foi fundamental, foi a primeira persoa que puxo nenas protagonistas.

- Cóntanos máis do proxecto de 'Mulleres bravas'. 
- Pois é un proxecto fermosísimo que pretende recuperar as figuras de muller que foron ignoradas ao longo da historia. Pero non procura recuperalas para un público adulto, senón apara o infantil. Son as novas xeracións as que non están a recibir información sobre as mulleres que participaron na historia, así que tomamos personaxes como Rosalía de Castro ou María Victoria Moreno e contarllas á rapazada. Para iso fíxose un cómic, cada volume é un cómic, no que o visual é importantísimo. Non é unha biografía ao uso, é divulgativa para que a rapazada non medre coas mesmas carencias coas que medramos nós. Por exemplo, María Victoria Moreno, que foi o volume que fixen eu, é a nai da literatura infantil e nunca se fala dela. Fálase de Neira Vilas, pero nunca dela. E foi fundamental, foi a primeira persoa que puxo nenas protagonistas en historias de nenas. Por primeira vez as nenas puidemos vernos identificadas nunha historia divertida que liamos na nosa lingua.