Semente Trasancos mestura música e poesía nun libro-cd

'O Colo das palavras', unha escolma de 16 poemas de Antón, Antía, Rosalía e Catarina Cortizas musicados por artistas como Xurxo Souto ou Sara Vidal, preséntase no Culturgal o sábado ás 16.30 horas no espazo Carpa
O colo das palavras
photo_camera Imaxe do interior do volume (Associaçom Semente Trasancos)

A escola de ensino galego Semente Trasancos presenta o sábado ás 16.30 horas no espazo Carpa da Feira das Industrias Culturais da Galiza (Culturgal) o libro-disco O Colo das Palavras. Umha grainha de Semente, nun evento que contará coa presenza do coordinador do proxecto, Antón Cortizas, e de Uxía Senlle, entre outras artistas.

O Colo das Palavras é unha escolma de 16 poemas de Antón, Antía, Rosalía e Catarina Cortizas, que teñen a súa orixe no nacemento de Loaira, a neta do escritor e mestre Antón Cortizas, que contou co pintor trasanqués Leandro Lamas para realizar as ilustracións.

Asemade, a musicalización dos textos vai da man de artistas como Óscar Fojo Lamas, João Afonso, Sílvia Fojo, Cé orquestra pantasma, Xurxo Souto, Laura Rabizal, Manolo Bacalhau, Guadi Galego, Tanxugueiras, Sofía Espiñeira, Caxade, Uxía Dominguez, Sara Vidal, Fatado do Colo -Leandro Lamas, Silvia Fojo, Paula Fojo, Lorena Montero- e Xoán Padín.  

O proxecto poético-musical ten a súa orixe na mente de Antón Cortizas, quen colabora coas escolas de ensino galego Semente, e na axuda desinteresada das e dos músicos que puxeron voz «a esta grainha de Semente». 

A primeira edición do volume, imprenta en  Sacauntos Cooperativa Gráfica, saíu do prelo grazas ás contribucións da cidadanía mediante un crowdfunding, adquiríndoo de xeito anticipado vía internet a un prezo de 16 euros até o pasado 31 de xullo. A partir de agora tamén poderá mercarse no posto da Semente no Culturgal e, en próximas datas, en librarías e centros sociais de todo o país. 

Seis anos de Semente 

O Colo das Palavras é o último proxecto da Associaçom Semente Trasancos, nacida en decembro do 2013 da man de nais e pais que querían ofrecer ás súas crianzas «unha opción de ensino en igualdade» e «impulsar a creación dun espazo infantil en galego na comarca de Trasancos».

Alén da actividade propiamente educativa, Semente Trasancos ofrece de balde unha ampla variedade de actividades culturais orientadas ao público máis miúdo, como merendas co Apalpador, magostos, roteiros ou festas do Samaín, todo co obxectivo de «poñer en valor a nosa cultura e a nosa contorna».

Comentarios