'Semente de Berrar: ruído e rúa' chega este sábado ás redes sociais

Será só un petisco do documental que o grupo impulsor deste proxecto audiovisual lanzará a primeiros de decembro.
Momento da rodaxe do documental con Violeta e Ánxela, de Bala.
photo_camera Momento da rodaxe do documental con Violeta e Ánxela, de Bala.

"Este 20-N temos moito que celebrar: presentamos o tráiler de Semente de Berrar. 40 anos de música e ruído". Será ás 12 do mediodía. O grupo impulsor do documental dará a coñecer a través das redes sociais do proxecto o tráiler da fita financiada a través do micromecenado.

A estrea chega tras pouco mais de cinco meses desde que os promotores do audiovisual, persoas e colectivos vencellados ao activismo cultural como o Colectivo Death or Glory, No Major Films, a montadora Alba Gallego e o docente Iago Santás, lograsen os 22.500 euros para financiar o seu proxecto.

Mecenado

Ao final, máis de 500 mecenas participaron na campaña, persoas a título individual, pequenas empresas e colectivos que fixeron posíbel un trabllo que verá a luz a primeiros do mes de decembro.

"Foron até o momento cinco meses de intenso traballo onde os e as companñeiras de No Majors souberon levar á pantalla as ideas que ían xurgindo da cabeza do director do proxecto, Iago Santás". 

Noventa minutos para resumir 40 anos de ruído e rúa. "Un documental que pretende reflectir, en notas máis ou menos afinadas, parte da contracultura na Galiza nos últimos 40 anos", afirman.

Música e ruído

Punk, paro, drogas, reconversión, atlantismo, orgullo rural, movida viguesa... Son algunhas da ideas e das vivencias que guiarán os discursos dos protagonistas.

Julián Hernández, de Siniestro Total; Sime, de Keltoi!, Estebán, Pablo, Kino, Gontxu e Max, de Skacha; Violeta e Anxela, de Bala, ou Pili Dios, de Desvirgheitors, son algunhas das 40 "voces cualificadas" que se poderán sentir no documental.

"Queremos facer un documental moi aberto, para que calquera persoa que non formou parte dese momento o entenda, e vexa que houbo unha serie de realidades que non foron contadas nos medios senón a través de cancións”, declarou a Nós Diario Iago Santás nos inicios do proxecto.

Estrea e proxeccións

A estrea de 'Semente de Berrar' será na sexta feira 10 de decembro no cinema Alfinsetti de Betanzos e alí, anticipan estarán presenten algúns e algunhas das protagonistas da fita.

Ademais, xa está confirmada a proxección que terá lugar ao día seguinte, 11 de decembro, no Hotel Oca de Allariz.

A partir desa data, anunciarán o calendario de pases da fita que será parte, tamén das “recompensas” que han recibir os e as mecenas que contribuíron á creación do audiovisual.

Comentarios