A Semana de Poesía Salvaxe de Ferrol despídese após 15 anos de actividade

A organización denuncia falta de apoio do Concello.
Manuel Rivas e Eugenia Sanmartínna edición de 'Poesía Salvaxe' de 2019.
photo_camera Manuel Rivas e Eugenia Sanmartínna edición de 'Poesía Salvaxe' de 2019.

A Semana de Poesía Salvaxe-A Palabra Encarnada, logo de quince anos izando Ferrol de palabras e música, anuncia a súa despedida, logo de que o Concello de Ferrol non colabore na cita, igual que o pasado ano. Os organizadores anuncian que terán que rematar esta edición "cun micro crowfunding para tratar de facer algo digno e ter un final decoroso". 

Esta cita naceu en 2008 conducida por Guillermo Ferrández e Juan C. Valle 'Karloti'  baixo o impulso da Concellería de Cultura que entón dirixía a actual ministra de Traballo, Yolanda Díaz. "Pero o actual equipo de Goberno do Concello de Ferrol, co alcalde Ángel Mato e o concelleiro de Cultura á cabeza, amosando un cru desprezo nin contestou ás peticións e solicitudes que se lles fixo desde a organización do ciclo poético para colaborar (ou non) nesta cita que ocupaba o espazo literario do que a cidade carece", afirman desde a organización. 

Petición de apoio

En todo caso, o festival fará "con paixón e determinación" un último esforzo para despedir un festival polo que xa pasaron poetas como Manuel Rivas, Olga Novo, María do Cebreiro, Manolo Cortés, Xiana Arias ou Emma Couceiro, entre outros. 

"Os días 27, 28 e 29 de abril", engaden, "será realidade o encontro poético grazas  á colaboración, polo de agora, da asociación veciña de Canido, o Cento cívico de Canido, a Fundaçom Artabria, o Ateneo Ferrolán e a asociación cultural Fuco Buxán.  

Os organizadores do evento, fan "unha afervoada petición" de apoio económico e anímico, recollendo sinaturas e encomendándose, nesta derradeira cita, á xenerosidade popular. Os cartos destinaranse a pagar hotel, viaxe e os gastos que xurdan. "Faremos realidade este XV encontro ca poesía como arma de construción masiva" remata o comunicado que fixeron público. 

Comentarios