Unha semana de pequenas pílulas musicais en forma de videoclip

Aproveitamos o domingo para repasar as estreas musicais da semana en formato audiovisual.
boyanka kostova trap
photo_camera boyanka kostova trap

Xa sexa como adiantos do que en breve vai vir ou como simples cartas de presentación, a semana que pecha veu deixou tres videoclips que resumen a variedade de estilos actuais da música galega.

A viguesa High Paw liberou, xunto a Chalart58, “Fenda a fenda”. Recollendo un pouso social que xermola no Vigo proletario, este reggae ofrece unha chamada á educación: “Tes unha testa, énchea”. “Alén dos termos legais / non somos iguais / somos o seu alimento”, canda a singjay galega.

Boyanka Kostova tamén deu a coñecer un videoclip, neste caso dun vello tema, “Tenia”, canción incluída no disco Nova Canción Galega. Un vídeo enigmático e incómodo, na liña do dúo pioneiro do trap galego, que xoga coa repulsa e o desexo do espectador.


Por último, Os d'Abaixo celebran o seu décimo aniversario sobre os escenarios presentando "Pasei pola túa porta", o primeiro video adianto do que será o seu novo traballo. O tema está inspirado nunha música recollida por Pedro Echevarría no 1955, na parroquia de San Román (Santiso), ao informante José Curros. Os d’Abaixo reúnen músicos de dous dos grandes referentes da música galega: Berrogüetto e Fía na Roca. Están por comezar unha xira para presentar novo repertorio, adianto do que será o seu vindeiro disco.

Comentarios