A Semana de Filosofía reflexionará sobre a Revolución nos nosos tempos

Dos días 21 ao 25 de abril en Pontevedra pensarase na revolución. Será na XXXI Semana Galega de Filosofía, organizada pola Aula Castelao de Filosofía que convidou a intelectuais como Terry Eagleton, Domenico Losurdo, Alba Nogueira ou Frank Mintz  para debater sobre as posibilidades da revolución nos nosos tempos. 

Semana Galega de Filosofía
photo_camera Semana Galega de Filosofía

Como cada ano, o pensamento sobre o noso tempo será o protagonista da Semana Galega de Filosofía que chega a súa XXXI edición cunha reflexión arredor da revolución e as súas posibilidades no noso tempo, as urxencia de darlle a volta ao estado de cousas que está a provocar máis desigualdade e maiores inxustizas. 

No Teatro Principal, como nos últimos anos, terá lugar a inauguración a segunda feira ás 10.30 da mañá coa participación , entre outros, do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a coordinadora da Aula Castelao, Ana Regueira Santiago Alba Rico, analizará na primeira sesión de mañá as oportunidades do progreso tecnolóxico, entendido habitualmente, tanto pola esquerda institucional como pola dereita como progreso social. 

A vixencia de Marx

A plataforma contra a lei do aborto lerá un manifesto no inicio da sesión de tarde, que apoiará tamén a Aula Castelao para, a seguir, Alba Nogueira achegarnos ao proceso de maior verticalidade e dureza do poder en tempo de retroceso económico, poñendo en cuestión os dereitos básicos da cidadanía que están na base da democracia. 

O intelectual marxista Terry Eagleton pechará a primeira xornada cunha reflexión desde os nosos tempos arredor da actualidade dos conceptos claves da filosofía de Karl Marx co fin de destacar a vixencia do seu pensamento político e económico. 

Gérard Mauger, Domenico Losurdo, Valeriano Bozal e Raúl Fornet completarán o programa das sesións de mañá, agrupadas co título “Reflexións filosóficas a prol da revolución”. 

Como ven acontecendo case desde o inicio das Semanas Galegas de Filosofía, as sesións de tarde, de 17 a 19:30 hora, resérvanse para pensar arredor de Galiza e, ademais da intervención de  Alba Nogueira sobre os recortes de dereitos e liberdades, Xosé Veiras achegaranos ao monte e a sustentabilidade, Ana Iglesias, presentará unha intervención arredor da normalización lingüística; María Ruído unha conferencia sobre políticas e poéticas da resistencia para rematar con Bautista Álvarez co relatorio “Repensar a transición, a Galicia que puido ser”. 

As sesións de noite, concibidas cunha maior orientación divulgadora, estarán a cargo de Otelo Saraiva de Carvalho, Aurelio Fabiao Ginja e Franz Mintz. A lección de clausura terá como protagonista a Farruco Sesto Novás, poeta galego e político venezolano, a quen Hugo Chávez nomeara ministro de cultura do seu país. Será presentado polo escritor Xosé Luís Méndez Ferrín. 

Comentarios