Patrimonio

Unha semana para descubrir o patrimonio agochado de Santiago

As inscricións para as visitas abren a cuarta feira. A programación procura descentralizar as actividades da zona vella e promover formas sustentábeis de xestión do patrimonio.
Capela das Ánimas (Santiago).
photo_camera Capela das Ánimas (Santiago).

A próxima semana apunta como unha ocasión case irrepetíbel para (re)descubrir Compostela e os seus recunchos agochados. Será grazas á iniciativa Patrimonio Invisíbel, un programa que, segundo destaca o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, resulta "singularmente interesante en canto dirixe a mirada a destinos non habituais, patrimonio descoñecido mesmo por quen habita a capital galega".

Así o declaraba na rolda de conxunta coa concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón, e César Abella, director de Trivium, responsábel da xestión do evento. A Noite do Patrimonio, unha cita que o 12 de setembro abre as portas en múltiples cidades de diferentes edificios históricos e museos con visitas guiadas e outras actividades, terá este ano en Compostela especial protagonismo do arquitecto barroco Domingo de Andrade, transcendental na construción da cidade e con destacada relevancia alén das fronteiras galegas, homenaxeado en 2020 (e ampliado a 2021) pola Real Academia Galega de Belas Artes.

Ademais, esta noite servirá en Compostela de punto de saída da Semana do Patrimonio Invisíbel, que afronta xa a súa terceira edición. De 14 a 18 de setembro poderán visitarse algúns dos grandes tesouros da capital galega: a casa gótica de San Miguel, o pazo de Amarante, o colexio dos Irlandeses, o hospital de San Roque, a capela das Ánimas... Entre os dez espazos que conforma a programación deste ano, algúns mantéñense por aclamación popular en relación ao seu éxito en xornadas previas.

Con todo, tamén se suman catro novas propostas: a sede da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE), o colexio de Fonseca, o edificio da Fundación Laboral da Construción e a antiga curtidoría da Pontepedriña, así como unha visita aos mananciais da cidade que recolle a información de toda esa "arquitectura da auga" que se mantén na actualidade, explicou Abella.

Hai nesta escolma unha procura de descentralizar o programa da zona vella e relacionalo co maior número de barrios. O calendario pode verse na web oficial, a través da que se terán que inscribir, a partir de cuarta feira, as persoas interesadas, cun límite de tres espazos. Detrás da iniciativa, Couto colocou a necesidade de debater arredor da xestión do patrimonio e dos modelos turísticos cos que este se xestiona.

Entre as propostas Rosón destacou a estrea absoluta do espectáculo Conxurando o invisíbel, de Aida Colmenero, acompañada por cantos populares en diálogo co patrimonio inmaterial no Museo do Pobo Galego.

Comentarios