Seis nomes, ningunha muller, pechan a lista de candidatos ao Día das Letras Galegas

As cartas xa están sobre a mesa. Catro candidatos cumpren os requisitos para seren os protagonistas do Día das Letras Galegas 2014. Canda eles, dous máis poden ser aceptados polo plenario. O nome estará entre Ricardo Carvalho Calero, Díaz Castro, Fiz Vergara Vilariño, Xosé  Filgueira Valverde, Ramón de Valenzuela e Francisco Vales. Non hai ningunha muller.

Real Academia Galega
photo_camera Real Academia Galega

O próximo día 21 celébrase no edificio da Rúa Tabernas un dos plenos do ano máis relevantes para a Academia. Del sairá o nome de quen vai ser homenaxeado o Día das Letras Galegas do 2014 e sobre a mesa xa hai seis candidatos, todos homes. 

De se cumprir formalmente as condicións que a RAG estipula para escoller o nome do Día das Letras Galegas, o plenario tería que elixir entre Ricardo Carvalho Calero, Díaz Castro, Fiz Vergara Vilariño e Xosé Filgueira Valverde, os catro que cumpren as tres condicións que a nova executiva quere que, a partir de agora se teñan en conta na elección: levar máis de dez anos morto, estar avalado por tres membros da Academia e estar presentado con tempo abondo como para que se adxunten na propia convocatoria da xuntanza. 

"O nome estará entre Ricardo Carvalho Calero, Díaz Castro, Fiz Vergara Vilariño, Xosé  Filgueira Valverde, Ramón de Valenzuela e Francisco Vales". 

De todas maneiras, e dado que esta sería a primeira edición na que se teñan en conta estas reglas, desde a executiva teñen vontade de ser “brandos” á respecto do seu cumprimento, é dicir, deixarán á vontade do propio pleno aceptar outras candidaturas que non se adaptan ás tres regras sinaladas. De ser así e do pleno aceptar as propostas xa presentadas mais non cos requisitos anteriores, dous nomes máis entrarían na elección. Trataríase do narrador Ramón de Valenzuela e do historiador Francisco Vales. 

En todo caso, as posíbeis candidatas Luísa Villalta e Xela Arias non parece que teñan oportunidade nesta ocasión de seren lembradas no Día das Letras Galegas. Até o de agora podíanse engadir nomes no propio plenario, mais todo parece apuntar que nesta ocasión esa posibilidade non se vai dar, co cal a listaxe está xa pechada, como máximo, cun total de seis nomes. En principio, tamén, e a diferenza do que acontecía en anteriores edicións, parece ser que a executiva non quere ter parte activa na elección e os seus membros votarán a título persoal polo candidato que estimen oportuno mais sen vontade de condicionar o resultado.

Comentarios