venres 28.02.2020

O segundo misterio da Virxe do Cristal

O primeiro misterio foi a aparición en 1630. O segundo é a súa desaparición co asasinato do párroco que a custodiaba. A Virxe do Cristal, a que cantara Curros e recollera Cabanillas, fica en paradoiro desaparecido e toda a comarca de Celanova sente a súa ausencia. 

Virxe de Cristal
Virxe de Cristal

A imaxe máis repetida e a que fica na memoria de milleiros de persoas de Adolfo Enríquez, cura párroco de 77 anos que apareceu asasinado na cuarta feira, é na que aparece coa Virxe do Cristal na man. Así se mostraba a cada pouco, cando un visitante ou un grupo se achegaban a Vilanova a visitar a adorada figura. O crego Adolfo procuraba na súa casa a pequena representación mariana e ensináballa a quen o requirira. Onde a gardaba? Segundo din, cada vez nun lugar distinto mais sempre no seu domicilio que esta semana apareceu desvalixado co seu corpo morto a golpes sobre o chan. E o envoltorio no que gardaba a Virxe do Cristal sen nada dentro. 

A conmoción na comarca non cesa. Crespóns negros aparecían nestes días por casas e comercios en sinal de loito. Á perda do crego, especialmente querido pola parroquia na que só se fala da súa inmensa bondade, súmase a desaparición do seu tesouro popular, a Virxe do Cristal que cantou Curros nun poema de máis de mil versos sobre o que logo Cabanillas elaborou unha versión operística e da que o propio Ferrín, tamén natural de Vilanova, chegou a dicir que querían mesmo os ateos. A Virxe do Cristal non aparece mesmo despois de que as dúas persoas -ambas relixiosas- procurasen en todos os escondites nos que don Adolfo adoitaba agachala. Ninguén dubida en Vilanova de que o móbil do crime foi o roubo común, favorecido talvez polo exceso de bondade e confianza do crego, mais o que si cuestionan é o interese dos ladróns na imaxe, unha peza única e singular que tería difícil colocación no mercado da arte e as antigüidades.

 “O exceso de confianza perdeuno. Era moi bo e dicía que tal e como non lle facía mal a ninguén, ninguén lle ía facer mal a el e niso trabucouse" di Manuel Riestra

O crego da imaxe 

“Esa imaxe era o máis importante para el”, apunta Manuel Riestra, que rexenta o local da Asociación Veciñal, antigo teleclube, que presidía o mesmo Adolfo Enríquez, home que, ademais de misar na parroquia, tiña unha intensa actividade en Vilanova, tamén en Amigos da Música e a propia Banda. “O exceso de confianza perdeuno. Era moi bo e dicía que tal e como non lle facía mal a ninguén, ninguén lle ía facer mal a el e niso trabucouse. Agora o pesar de todos nós é moi grande”, sinala Manuel Riestra, especialmente afectado ao que non lle custa transmitir unha dor compartida na veciñanza. Achégase o 25 de marzo, orixinal Día do Cristal até que, por motivos climatolóxicos se viu trasladada a festividade ao 15 de setembro, e o pesar por que esa data chegue sen a virxe imponse nestes días en que Vilanova está de loito. 

“Esa imaxe significa moito, é a representación da relixiosidade popular desde o 1630. Dela parte a lenda de Curros. A devoción popular confía en que é un milagre que apareceu, trátase da fe a nivel popular, o santuario do Cristal fíxose a partir da aparición”, anota o escritor e profesor de Literatura, Paulino Vázquez, natural de Vilanova dos Infantes onde aínda viven seus pais. 

Patrimonio “a mercede do mal” 

Como veciño da localidade, o poeta Paulino Vázquez coñece ben o sentir de toda a poboación, relixioso mais tamén alén da propia fe. “Digamos que tamén para os laicos é emblema de vínculo entre o pobo e a relixión. O propio Ferrín ten falado nese sentido. Hai respecto e veneración laica por esa figura porque ten sentido de comunidade. Mesmo quen non reza admite a súa relevancia”, explica. De Vilanova chégalle a consternación que se vive coas dúas desaparicións. “O crego era a representación da comunidade, unha especie de pai, e toda a xente está moi afectada. Senten ademais que lle roubaron o seu símbolo, un símbolo, por outra parte, sagrado”, valora o poeta que aventura que a morte do relixioso ben se pudo deber a súa vontade de protexer a imaxe mariana. “En certa medida, é a eclosión da maldade, a perda do sentido do sagrado, sexas cristián ou ateo. Vivimos nun momento terríbel que pode levar a situacións tráxicas coma esta”, conclúe Paulino Vázquez non sen dicir que a “historia de Vilanova é a historia da Virxe do Cristal”,  nunha afirmación que dá boa medida do golpe que se está a vivir na comarca. 

"Hai respecto e veneración laica por esa figura porque ten sentido de comunidade. Mesmo quen non reza admite a súa relevancia”, di o poeta de Vilanova dos Infantes, Paulino Vázquez

A Aser Álvarez, de Arraianos de Celanova, a primeira imaxe que se lle vén de Adolfo Enríquez é a da súa afabilidade e xenerosidade, aquela que acolleu a primeira presentación do colectivo no teleclube sen facer apenas preguntas. Como colectivo cultural da comarca, mostra o seu pesar pola ausencia da peza de referencias non só relixiosas senón tamén literarias, históricas e populares. “Era un símbolo de identidade en Vilanova e as terras de Celanova que tomou nova dimensión no momento en que Curros escribe a lenda. A perda sería irreparábel e agardamos que poida aparecer”, comenta Aser Álvarez quen non evitar facer unha reflexión obrigada sobre “a seguridade e custodia destas pezas do patrimonio común e identitario que están en situación de perigo”. O mesmo pensamento vénlle a Paulino Vázquez cando pensa tamén na soidade do cristo románico de Vilanova, o máis importante de Europa, ao seu ver, unha peza que pode estar tamén, como grande parte do patrimonio eclesiástico rural, “a mercede do mal”. Na igrexa de Vilanova entraron en varias ocasións nos últimos anos, a última, en 2013. 

comentarios