A Concellaría de Cultura de Teo desenténdese da compañía residente

O segundo exilio de Chévere

De pouco parece valerlle á compañía teatral Chévere o seu indiscutíbel éxito de público e crítica. Nin o seu avultado palmarés, que inclúe o Premio Nacional de Teatro do Ministerio de Cultura en 2014. Oito anos despois de que un Goberno municipal compostelán, presidido por Conde Roa, dificultase a súa continuidade na histórica Sala Nasa, a compañía padece de novo a “arbitrariedade política”: a Concellaría de Cultura de Teo desenténdese da que foi a súa compañía residente desde 2012.
chevere_Teo_equipo
photo_camera O equipo da compañía Chévere. O terceiro pola dereita en primeira fila é o seu director artístico, Xesús Ron. Foto: Chévere.

Chévere gañara en 2016 o concurso público co que o Concello de Teo deu continuidade ao convenio que fixaba a relación entre agrupación e institución. Publicado no Boletín Oficial da Provincia, o acordo era por dous anos prorrogábeis a tres. O consistorio achegaba 30.000 euros anuais e, a maiores, engadía un cálculo de explotación de billeteira que permitía que a contía asecendese a un máximo de 165.000 euros.fotogrupo

A cambio de dispoñer das instalacións do Auditorio da Ramallosa, Chévere comprometíase a dinamizalo. Entre os requisitos esixidos atopábanse unha ducia de actuacións como mínimo por tempada, a estrea anual dunha obra de produción propia, actividades educativas, proxectos co tecido social e cultural teense. O contrato rematou en xuño, apenas uns días despois das elección municipais que reconfiguraron o mapa político en Teo: onde antes gobernaba unha coalición de Anova (7 edís) e PSdeG (2 edís) agora fano os mesmos partidos, mais empatados a catro edís e coa alcaldía para Rafa Sisto (Anova).

Velaquí identifica Xesús Ron, director artístico de Chévere, a chave do sucedido. Cando a nova responsábel de Educación e Cultura, a socialista Mayte Argibay, se reuniu coa compañía, a relación foi “fría, distante e un pouco despectiva”. De feito, asegura Ron a Sermos Galiza, “descoñecía o traballo de Chévere en Teo, nunca fora a un espectáculo”. Tampouco revisara a memoria de actividades en que constaba o cumprimento polo alto do acordo. Argibay comunicoulles porén que o “servizo de dinamización e produción teatral” non volvería saír a concurso. E que antes do un de setembro deberían retirar os seus materiais do Auditorio da Ramallosa.

“Nin sequera sabía que as dotacións técnicas do lugar eran nosas”, lamenta Ron. Conseguiron 15 días máis para a mudanza, pero non volveron saber da concelleira. Chévere pediu a mediación do alcalde, que lles amosou en público o seu apoio. “Só podemos lamentar que a Concellaría de Cultura e a súa nova responsábel non considere prioritario consolidar este proxecto despois da experiencia moi positiva destes últimos anos”, escribiu Sisto nas súas redes sociais. A situación, con todo, non mudou.

“O alcalde díxonos que o lamentaba moito, encadraba o sucedido coa negociación difícil do pacto de goberno”, relata Xesús Ron, “e asegurounos que non sabía por que, pero o PSdeG fixera dese concurso centro de debate e conflito”. O Partido Socialista de Teo non se significara ao respecto en campaña electoral, ao contrario do PP, que levaba no programa electoral a promesa de expulsar Chévere de Teo e amparábase nun presunto exceso de custo. “O PSOE acabou por comprar o seu discurso”, critica Ron.

Un corte na traxectoria
O dramaturgo dista da óptica da vítima. Percibe paralelismos co acontecido en 2011 en Compostela e cífraos nunha idea: a de arbitrariedade política. “Pasou o mesmo, aínda que de maneira máis contundente, co Festival Internacional de Teatro de Ourense. Ou co descabezamento dos teatros de Madrid logo duns anos moi exitosos”, di. Por iso quixeron colocalo no debate público.

Mais este nova interrupción non deprime a Chévere, insiste. “Supón un corte na traxectoria da compañía, mais nós entendiamos que había moito que mellorar no traballo en Teo. Chegaramos ao límite das nosas posibilidades como compañía residente. Queriamos reformular o noso papel”, afirma. O que agora remata non é tanto unha actividade teatral e de produción, que vai continuar, como a relación da compañía cun tecido social e veciñal que lles permitiu ampliar os horizontes do seu labor.

Este inesperado punto de inflexión colle a Chévere con máis de trinta anos de existencia ás costas e un espectáculo acabado de estrear -Curva España. O soño de dispor dun teatro propio segue a ser iso, un soño. E, con todo, explica Ron, intentarán construír un “espazo de traballo, un centro de recursos escénicos, para desenvolver proxectos. Como o da Berberecheira, que fica un pouco tronzado co que pasou en Teo”.

Nota: na imaxe aparecen os membros da compañía Chévere Miguel de Lira, Patrica de Lorenzo e Xesús Ron. Foto: Chévere.

Comentarios