A segunda tempada de 'Auga Seca' amplía a produción orixinal en galego da HBO

Comeza a rodaxe en Vigo a próxima semana
Sergio Pazos, Victoria Guerra e Monti Castiñeiras. (Foto: Portocabo / SPi)
photo_camera Sergio Pazos, Victoria Guerra e Monti Castiñeiras. (Foto: Portocabo / SPi)

A serie Auga Seca inicia a segunda feira a rodaxe da súa segunda tempada en Vigo. Trátase dun drama policial que se centra no tráfico de armas, estreado con éxito o pasado ano en RTP, TVG e HBO, froito dunha coprodución entre a Galiza e Portugal.

A gravación estenderase até mediados do mes de marzo na cidade olívica e nos seus arredores, para logo desprazarse até Lisboa, onde finalizará a comezos de abril.

Nesta segunda entrega da ficción, que terá oito episodios de 50 minutos, Auga Seca afondará nas orixes dos negocios da familia Galdón e os seus conflitos coa familia de Teresa, a protagonista interpretada pola actriz portuguesa Victoria Guerra.

No elenco repiten actores galegos e lusos como Monti Castiñeiras (Mauro Galdón), Sergio Pazos (inspector Viñas), Eva Fernández (Irene), Belén Constenla (Dulce) ou Adriano Luz (Lázaro), xunto a novas incorporacións ao reparto que aínda non se fixeron públicas.

Estrea en HBO

A serie está producida pola galega Portocabo e a portuguesa SPi. HBO España e Portugal estrearán en primicia esta segunda tempada, a diferenza do que aconteceu coa primeira, que se puido ver antes a través das canles públicas.

Esa entrega inicial, xa dispoñíbel, converteuse na primeira serie en versión orixinal en galego que se emite nesta plataforma, e das poucas que podemos atopar na nosa lingua nesta sorte de soportes de contidos audiovisuais, xunto a O sabor das margaridas.

Sobre este contextos de ausencia da nosa lingua quer na banda sonora quer no subtitulado ou na dobraxe chama a atención unha campaña popular que arrincaba esta mesma semana, promovida por María Reimóndez e Eric Dopazo, para mostrar a demanda deste tipo de contidos.

O equipo

Toño López volve asumir a dirección, xunto ao realizador portugués Sérgio Graciano e baixo a produción executiva de Alfonso Blanco (Portocabo), creador da serie, e de José Amaral (SP-i). O guión corre a cargo de Carlota Dans, Roberto G. Méndez, Miguel Simal, Alfonso Blanco, Nina Hernández e Ana Míguez; a dirección de fotografía é de Lucía C. Pan e Manuel Pintos, e a música de Elba Fernández e Xavi Font.

Comentarios