Segunda edición do Festival Músicas para a Semente con Guadi Galego

Volve o 21 de febreiro a Narón o festival que organiza a Rede de Escolas de Ensino Galego 'A Semente'. 

semente-trasancos
photo_camera A Semente Trasancos

O domingo 21 de febreiro ás 18 h no auditorio de Narón o Festival “Músicas para a Semente” repite cun cartel de luxo: Guadi Galego e Roberto Cribeiro, Olga Brañas e Andrea Picos de Pitusa Semifusa, ademais da presentación do CD “Músicas para a Semente”, que correrá a cargo de Leandro Lamas e a actriz Sílvia Casal e sortearase entre os asistentes un cadro do deseñador ferrolán “Juanlu”. 

No 2015 a asociación Semente Trasancos avisou: nacía un festival de música para todas as idades e viña para quedarse. O diñeiro recadado destinarase ao proxecto de Semente Trasancos, un espazo para crianzas até seis anos que leva a funcionar desde o mes de outubro en Narón e onde o galego é a lingua vehicular. Para manter o espazo en Ferrolterra moitas son as iniciativas que de maneira solidaria xorden ao redor do proxecto. O Festival é unha máis e, coma sempre, desde a Asociación ven como persoas de diferentes ámbitos achegan o seu gran de area ao proxecto que está funcionar noutros lugares como Vigo e Compostela e que entre todos conforman a Rede de Escolas de Ensino Galego. 

A Rede de Escolas de Ensino Galego é unha asociación que aglutina os espazos educativos “Semente” de todo o país. Hoxe están abertos catro centros Semente: un en Vigo, dous en Santiago de Compostela e un en Narón. En breve Semente Lugo constituirase e traballará para abrir outro espazo na cidade da muralla. Hai dous eixos fundamentais que rexen a esta Rede: educar en galego facendo que as nenas e nenos poidan desenvolverse na lingua propia en todos os ámbitos e empregar unha pedagoxía baseada no apego e no desenvolvemento natural das crianzas, inclusiva, científica, laica e de calidade. 

Comentarios