A segunda canle da TVG emitirá un bloque educativo para reforzar o ensino na casa

 

De segunda a sexta feira. En colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a  iniciativa busca proporcionar un complemento educativo aos contidos que os alumnos reciben dos centros de ensino.

crtvgBOA

A Televisión de Galiza (TVG) vai emitir, pola segunda canle, G2, un bloque de programación educativa. De segunda a sexta feira, entre as 11.00 e as 13.00 horas, este bloque emitirase mentres os centros escolares permanecen pechados atendendo as restricións para loitar contra coronavirus.

Facolitarase así, indica a TVG, ás e aos estudantes unha nova vía para recibir contidos complementarios aos que reciben dos seus centros. En colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a iniciativa arranca cunha oferta de programas en áreas tan diversas coma a xeoloxía, a historia, a experimentación ou o mundo animal.

Así, divulgarase o programa “Xeoclip”, creado por docentes e no que se abordan temas incluídos nos currículos de Xeoloxía e Bioloxía e de Xeografía e Historia.

Outra das apostas didácticas é “Aquelando tamén quedamos na casa”, unha versión do programa de divulgación científica “Aquelando”, creada para as actuais circunstancias de estadía nos fogares.

As e os pequenos poderán gozar tamén das clásicas series divulgativas de animación como “Era unha vez... o home” e “Era unha vez... os exploradores”, creadas por Albert Barillé e nas que se aborda a historia da humanidade e dos grandes descubrimentos xeográficos. Pola súa banda, o programa “Criaturas”, achegaralle ao público máis novo o medio natural e os animais desde diversas perspectivas.

Comentarios