domingo 27/09/20
Museo de Historia Natural de Ferrol

O segredo mellor gardado da natureza

Pouca xente sabe da existencia do Museo de Historia Natural de Ferrol, unha institución que conta cun inxente patrimonio expositivo . Esta colección pertence á Sociedade Galega de Historia Natural e expertos de distintas partes do mundo visitan este museo.

O museo conta co esqueleto dunha balea (Foto: SGHN)
O museo conta co esqueleto dunha balea (Foto: SGHN)

Din no Museo de Historia Natural de Ferrol, un espazo impulsado pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), que "cada vez que un museo fecha, desaparece parte do noso patrimonio e con el, a nosa historia e o noso coñecemento".

Non lle falta razón a Pablo Torrella, un dos traballadores desta sala expositiva descoñecida na maioría da Galiza (e mesmo no propio Ferrol). Porén, que sexa practicamente un segredo non lle resta importancia a espectacularidade e importancia das pezas que ven a vida pasar desde hai anos nun recuncho do antigo cuartel Sánchez Aguilera.

O museo, que no estío abre todos os días de 10.30 a 13.30 horas, está preparado para deixar sorprendidos a pequenos e maiores. E iso a pesar de que "todo o que está exposto representa aproximadamente o 25 ou 30% dos fondos". Só iso. O resto está gardado porque non hai espazo que poida con tantos tesouros.

As e os que xa visitaron esta infraestrutura –mesmo na súa primeira etapa nun inmoble moi danado xunto á praza de Amboaxe, o Hospicio de Santa Teresa– saben que a peza máis espectacular é "o esqueleto do rorcual común". Mais lle aguantan o tipo na lista de favoritas do público a lura xigante e as quenllas.

"O rorcual é o máis impresionante pero non o máis importante", advirte Torrella intentando facer unha sorte de 'spoiler' deses tan de moda. "No Museo de Historia Natural de Londres hai uns anos anunciaron a bombo e prato a inauguración da súa balea azul de 20 metros no vestíbulo. Aquí temos a nosa de 18 metros e, tanto alí como aquí, ás veces o máis importante é o menos espectacular", subliña.

Fósiles de revista

Con esa introdución refírese aos "fósiles de zifio" que son unha referencia para investigadores a nivel mundial. O traballador da instalación aclara que fala duns cetáceos cuxa bioloxía ten aínda moito que descubrir.

Actualmente hai outras especies de zifio pero a importancia deste que ten a SGHN é que "son pezas que pertenceron a especies xa extinguidas que viviron aquí hai 15 millóns de anos".Torrella insiste en que estes elementos foron moi útiles para describir o que veñen a ser os cifios, pois eran referencias novas para a ciencia.

Ao final os fósiles ferroláns tiveron a oportunidade de ser estrelas en distintas publicacións especializadas. E todo grazas a unha doazón de pescadores de Cedeira que atoparon os zifios nas redes cando foron faenar en "fosas mariñas como o caladoiro da Selva".  

Calquera persoa que se desprace até Ferrol vai ver que a viaxe pagará a pena polo moito que pode aprender da natureza galega, pero os expertos din que outra das zonas que atrae máis miradas curiosas ultimamente –reabriron as portas en xuño, logo do confinamento– é a dedicada á colección entomolóxica "de artrópodos insectos".

Unha das claves para que estes animais non pasen desapercibidos como noutras mostras foi colocalos en murais explicando a súa evolución coas estacións.

Os insectos non están amoreados en cadros, colgados por un feixe de alfinetes. A súa presentación ten "unha función máis pedagóxica" e gusta.

E como a cidade é costeira, a Sociedade de Historia Natural da unha de terra e outra de mar e apaixoa ao público cunha colección ben grande de cunchas que pertenceu ao contraalmirante Claudio Montero y Gay e que veu con el metade de Cuba, metade de Filipinas, por exemplo.

Estas exóticas orixes das pegadas dos moluscos fixeron que antes da chegada da Covid-19, polo Sánchez Aguilera (que está cedido polo Concello de Ferrol, ao igual que pasara co local anterior– pasara unha comisión científica da Universidade de Manila. Algún segredo haberá...

Tirar do voluntariado

En tempos de coronavirus non é sinxelo seguir coas visitas guiadas, e menos no estío con só dous traballadores. Por iso, estase a facer un chamamento aos asociados ou a expertos para que collan o papel de voluntarios e divulguen o que queda por aprender deste museo.

Haberá quen se pregunte que pode aprender nunha sesión formativa no antigo cuartel, como a resposta sería longuísima é mellor contar cunha acompañante sabedora no itinerario.

Por conta dun ou dunha mesma pódese evolucionar moito, pero as aportacións doutra persoa que coñeza a meirande parte do material exposto –que é de orixe galego ou achegado por poboación da Galiza– é imprescindíbel se se quere saír cun discurso que se poida fornecer coñecementos a terceiras persoas.

Neste caso sería bo contar con voluntarios, pero nunca houbo queixa das actividades de divulgación do museo até que a Covid-19 bateu con todo.

O empregado a Sociedade Galega de Historia Natural explica que "a presenza dos centros educativos antes era algo constante, pero as actividades en interior con público infantil vémolas moi complicadas" nun futuro próximo.

Malia que nada se pode rexeitar de pleno, "non é o mesmo divulgar con este tipo de público no exterior, nunha saída ao campo, cunhas condicións sanitarias máis aseguradas, que en espazos pechados rozando cóbado con cóbado".

Non lle falta razón. Por iso, se a volta ao colexio é máis ou menos normal poderían seguir a técnica que tamén facían até o de agora: mandar aos seus profesionais en distintos campos a dar charlas  ao alumnado a demanda dos centros educativos.  

Manter a liña da divulgación

Ademais, segundo Torrella, "até marzo estábamos a facer charlas dunha maneira asidua" nas instalacións expositivas. Agás cambios impostos pola situación, a SGHN quere seguir traballando na mesma liña cando pase o verán.

É dicir, se se pode faranse unha ou dúas conferencias e debates ao mes no auditorio de 67 prazas que inclúe a parte do Sánchez Aguilera destinada a museo. O ano pasado, sin buscar máis no baúl dos recordos, estiveron o investigador galego da Universidade de Coímbra, Alejandro López Núñez, e o director do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, Tino Fraga. 

Eles falaron dos bugallos e da "presenza naturalista e científico  Alexander Von Humboldt en Ferrol e Coruña".

No fondo, como di o técnico, a meta principal deste espazo de mostra de elementos naturais "radica en seguir na mesma liña para ser valorados pola nosa labor pedagóxica e divulgativa".

Haxa dificultades ou non, a Sociedade Galega de Historia Natural ten previsto manter aberta esta infraestrutura durante moitos anos. Quizais nese tempo se convirta nunha referencia para toda a cidadanía galega.

comentarios