CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Sedución falida

seduccion1 (1)
photo_camera Un fotograma do filme

A SEDUCIÓN

The Beguiled

(EUA 2017, 93 min.) 

Dirección e guión: Sofia Coppola

Fotografía: Philippe Le Sourd

Música: Laura Karpman e Phoenix

Elenco: Nicole Kidman, Colin Farrell, Kirsten Dunst, Elle Fanning, Oona Laurence, Angourie Rice, Emma Howard

SINOPSE

Durante a Guerra de Secesión norteamericana, un soldado ianqui malferido é rescatado por una moza que estuda nunha escola, só para mulleres, de Virxinia. A presenza masculina alterará moito a disciplina do lugar.

CRÍTICA

Sofia Coppola (Lost in Translation, As virxes suicidas) é a segunda muller en gañar o Premio a Mellor Dirección en Cannes. A primeira en acadalo fora Yuliya Solntseva en 1961 co filme soviético A epopea dos anos de lume, un drama ambientado na II Guerra Mundial. Coppola acádao con outro drama que transcorre tamén nun período bélico máis, A sedución, sitúase nun século anterior, concretamente en plena Guerra de Secesión norteamericana. 

O guión, firmado tamén por Sofia Coppola, adapta a novela de Thomas Cullinan, xa levada ao cinema en 1971 por Don Siegel e protagonizada por Clint Eastwood. As comparacións son sempre odiosas pero o inexpresivo Colin Farrell non era, nin de lonxe, o máis indicado para facer esquecer a Clint. Interpreta un soldado unionista ferido de gravidade nunha perna; unha das alumnas da Escola Feminina Farnsworth atópao no bosque mentres practica micoloxía e condúceo, como pode, á escola. Ao principio, mestras e compañeiras quedan aterrorizadas e deciden entregalo aos confederados mais a súa educación cristiá obrígalles a coidalo ata que sande. Unha vez recobra o coñecemento comezará seducilas unha por unha. O calor do verán mesturarase entón con outro tipo de calores que darán paso aos celos e unha daniña rivalidade que irá substituíndo á paz e o compañeirismo que reinaba no lugar.

Nicole Kidman (Eyes Wide Shut) interpreta a propietaria, Kirsten Dunst a mestra (María Antonieta) e as cinco alumnas que completan o elenco feminino son Elle Fanning The Neon Demon), Oona Laurence (Peter e o dragón), Angourie Rice (The Nice Guys), e as debutantes, Addison Riecke e Emma Howard. Sete mozas que se han de protexer ben dun “octavo inquilino”. 

Ambientación de época moi coidada, vestiario que fala por si mesmo, excelente fotografía -á luz natural das velas- da man de Philipe Le Sourd (nomeado a un Óscar por The Grandmaster), drama, algo de intriga e un chisquiño de terror en plan Misery son os puntos fortes do filme de Sofia Coppola. Os puntos febles recaen nunhas actuacións non demasiado logradas (sobre todo a de Farrell) e un desenrolo irregular ao límite do tedio. Quen o ía dicir despois de levar o Premio en Cannes, non si? 

Coppola contaba cun estupendo material pero semella empeñada en dar énfase a secuencias, digamos, “de transición”, porén, deixa moito que desexar nas escenas “interesantes”. Unha decisión, quizais procurada, mais que estraga a tensión incipiente e un suspense que inicia mais non é quen, ou non quer, concluír satisfactoriamente, algo así como se quixese rematar pronto a función e deixar unha sensación de desganado coitus interruptus. Se era algo procurado, atinou de cheo...

Comentarios