O secuestro do Santa María, 61 anos dunha fazaña antifascista

A figura de Xosé Velo marca a participación galega nese episodio histórico.
o santa maría, renomeado santa liberdade
photo_camera O Santa María, renomeado Santa Liberdade.

O 21 de xaneiro de 1961, fará 61 anos esta sexta feira, tiña lugar un dos episodios máis mediáticos da historia en protesta contra as ditaduras de Franco no Estado español e de Salazar en Portugal: o secuestro do barco 'Santa María' por parte do que se denominou Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL).

Esta organización, nada meses antes, buscaba un golpe de efecto internacional co que chamar a atención da situación de falta de democracia en ambos estados ao tempo que reivindicaban uns ideais republicanos para os pobos da península. 

O buque, construído en 1952, pertencía á Companhia Colonial de Navegação e era un dos medios de transporte que empregaba a emigración galega cara a América. Facía a ruta Lisboa-Madeira-Tenerife-A Guaira- Curação-San Xoán de Porto Rico-Miami e viceversa. Moderno e rápido, foi o escollido polo DRIL pola súa autonomía de navegación que podía chegar a 20 días. Ese era tempo abondo como para levar a cabo a proposta desta organización de chegar ás colonias africanas e comezar a revolución. 

Na noite dese 21 de xaneiro 24 comandos tomaron o transatlántico que transportaba, daquela, 568 pasaxeiros, entre eles 189 portugueses, 81 españois e 153 galegos. A operación dirixírona os galegos Xosé Velo e José Fernández Vazquez, 'Soutomaior', xunto ao militar portugués Henrique Galvão.

A acción procuraba non ser violenta mais a resposta da tripulación produciu a morte dun mariñeiro e dous máis quedaron feridos. Esa circunstancia propiciou que a operación quedara ao descuberto cando dous días despois desembarcaban un dos feridos en Castries, capital da Illa de Santa Lucía

A participación galega no secuestro do Santa María

O secuestro pasa a ser unha noticia de ámbito internacional cando se dá a coñecer. A intervención da Armada dos Estados Unidos de América e os intentos das ditaduras española e portuguesa de localizar o buque e rematar a situación pola forza, amplifican as reclamacións dos revolucionarios. Neses días a prensa española tenta reconducir a opinión pública silenciando a participación galega e evitando calquera información que apunte cara a un protagonismo que non fora portugués.

Aínda hoxe é necesario lembrar como sucedeu e nos últimos anos numerosos proxectos procuraron remediar esta eiva. Ademais da publicación de artigos e libros foi no sector audiovisual onde máis chamou a atención esta historia e a reivindicación nela de Velo.

Como mostra, os documentais de Xan Leira, Pepe Velo, verbas como lóstregos e de Margarita LedoSanta Liberdade. O semanario Sermos Galiza dedicou un importante espazo no número 227 publicado en 2016 coincidindo co seu centenario. 

O ano pasado a Deputación de Pontevedra, lembrando o 60 aniversario do secuestro do Santa María, adquiría  parte do arquivo de Velo ao seu fillo, Víctor Velo, na actualidade residente no Brasil. A idea é que este material estea accesíbel ao público en xeral para recoñecer e pór en valor a súa figura, a súa obra e as súas ideas.

Ademais, a deputación apoiou o documental Xosé Velo en Vigo. A guerrilla antifranquista na provincia de Pontevedra, dirixido por Aser Álvarez. Este audiovisual foi distribuído entre centros de ensino e bibliotecas como material didáctico. Aser Álvarez, canda a súa produtora, ten diversos proxectos en marcha para lembrar neste 2022 o 50 aniversario do falecemento de Velo. Entre as iniciativas está unha web que recollerá todos os materiais  sobre Velo recompilados.

Comentarios