O sector cultural é o segundo que maior volume de emprego xera en Pontevedra, após a Administración pública

O sector cultural destaca, despois das institucións públicas, como "o que xera un maior volume de emprego" na cidade de Pontevedra, "máis que a restauración ou a construción".

Manuel Rivas, durante a sua conversa con Teresa Cuíñas no Culturgal (Foto: Xerais).
photo_camera Manuel Rivas, durante a sua conversa con Teresa Cuíñas no Culturgal (Foto: Xerais).

Así se reflicte no informe que o Concello de Pontevedra puxo a disposición pública con todos os datos sobre o tecido cultural no municipio, relativos ao emprego, análises económicas e inventario de recursos e actividades.

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, presentou esta sexta feira en rolda de prensa este documento "único na súa clase", ao ser creado como "a maior e máis profunda análise realizada ao redor do sector cultural na comarca pontevedresa", dixo, especialmente na capital.

O informe recolle aspectos variados e diversos e permite obter unha "foto fixa" dos últimos anos da actividade cultural e as súas derivacións laborais, económicas e sociais.

Nese sentido, ofrece diversos datos. Por exemplo son 80 as empresas que hai na contorna de Pontevedra dedicadas á creación, produción, fabricación e distribución cultural, e a súa facturación suma un total de 156.934.937 euros.

Setenta e dúas infraestruturas na cidade

Esta "ferramenta clave" para o deseño futuro da "cultura que vén", detallou, sinala as 72 infraestruturas que hai na cidade e nas que se poderían realizar actividades culturais, ás que habería que sumar 381 espazos e que sumarían un aforo total de 38.064 persoas.

Ademais, Fouces insistiu en que "é un informe moi importante, que achega moitos datos, é a primeira vez que se fai algo así en Pontevedra". "Imos reunirnos cos axentes culturais da cidade para facer unha mesa e comentar os aspectos que aquí foron trazados", avanzou a concelleira.

Posibelmente esta cita coincida coa feira Culturgal. Así mesmo, este informe servirá ao Goberno local para tomar decisións co fin de "ir mellorando" as cousas que detecta "como febles” e para “fortalecer as que son xa o sinal de identidade da cidade".

Comentarios