O sector audiovisual, unido en contra do desmantelamento do CGAI

A Asociación de Actrices e Actores de Galicia, Asociación de Guionistas de Galicia, da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia, o Observatorio Audiovisual de Galicia, AGAPI e a Academia Galega do Audiovisual veñen de publicar un comunicado conxunto no que cualifican de “grave” o desmantelamento do CGAI. 

CGAI Foto- Anatche
photo_camera CGAI Foto- Anatche

Son os principais colectivos que agrupan o sector e veñen de posicionarse en contra da redución do 40% do cadro de traballadores do Centro Galego de Artes da Imaxe, con sede na Coruña. “Corremos o risco de desatender a tarefa de restaurar, conservar, catalogar e manter como ben público a memoria visual -sempre fráxil- deste país. E iso é grave. Sen memoria, apenas somos nada”. 

No comunicado denuncian que esta decisión, tomada por AGADIC, é “un erro fatal, froito ou da ignorancia ou da falta de autoestima. Nada tan destrutivo -e enganosamente silencioso- como a indiferenza, o desleixo, o abandono”.

O CGAI, que debería ser a nosa filmoteca nacional con maiúsculas, encóntrase neste momento nunha situación moi delicada despois de que na Mesa xeral de negociación de empregados públicos, celebrada o día 30 de maio, a Administración da Xunta seguira adiante coa súa proposta de amortizacións e despedimentos, concretados no 40% da plantilla total do CGAI e no 50% da plantilla da área de proxeccións.

No comunicado din: “É un erro fatal, froito ou da ignorancia ou da falta de autoestima. Nada tan destrutivo -e enganosamente silencioso- como a indiferenza, o desleixo, o abandono”.

Deste o sector sinalan que precisamente porque nos últimos 25 anos a produción audiovisual galega se multiplicou, é preciso aumentar os recursos destinados a esta institución dedicada á preservación e difusión do patrimonio audiovisual galego. É preciso, segundo eles “reverter esa tendencia, manter e facer medrar os recursos do CGAI deberan ser unha prioridade cultural deste país”. E esixen que sexa “xestionada adecuadamente, dotándoa do persoal e medios necesarios para o seu óptimo funcionamento”.

“Falta de interese”

Segundo denunciou a CIG, na Mesa de negociación, á que asistiron representantes da Xunta, do AGADIC e dos Sindicatos, a Xunta manifestou “claramente a falta de interese do goberno do PP na cultura galega e no patrimonio audiovisual e fotográfico galego”. Pero ademais, en opinión da central nacionalista, a Xunta aproveita esta modificación para despedir traballadores, coa disculpa de que non hai carga de traballo. Esa situación vai supor cando menos unha merma importante dos servizos públicos que viña desenvolvendo ata agora o CGAI.

Aí mesmo, engaden que o Executivo propón a amortización de tres postos, pero ademais non se está a cubrir a praza doutro traballador que se atopa en excedencia e, debido á falta de reposición de prazas, a biblioteca especializada en audiovisuais, o servizo de préstamo e a área de exposicións xa se encontran pechadas desde hai máis dun ano.

Comentarios