Secho, cantautor que vai publicar o disco 'Recuperar'

Secho: "O traballo colleu aínda máis sentido, pois todos temos que recuperar algo"

Secho (Dodro, 1985) presentará antes do verán o seu novo traballo, 'Recuperar'. Un disco que estaba pensado "como algo máis minimalista e que por mor da pandemia da Covid-19 logrou un sentido máis amplo porque todos temos algo que recuperar despois desta situación", resume o cantautor en conversa co xornal.
O cantautor Secho. (Foto Nós Diario) #secho #recuperar #disco #música #cantautor #galego
photo_camera O cantautor Secho nunha imaxe promocional. (Foto: Nós Diario)

-O nome muda, mais o proxecto é o mesmo. Despois de que en 2016 Secho e os Invisíbeis sacaran o seu último traballo, lanza para o próximo mes de xuño Recuperar, un disco pensado antes da pandemia da Covid-19 e cuxa evolución se realizou durante o confinamento. Que significa para vostede este novo proxecto?

Recuperar, a nivel persoal, significaba volver despois de estar tanto tempo sen sacar disco e así recobrar ese tempo no que estiven máis parado. Despois do acontecido coa pandemia da Covid-19, o traballo colleu máis sentido porque todos temos que recuperar algo.

Ten unha mensaxe clara e, malia que ao comezo a idea era máis minimalista, agora abrangue un concepto máis amplo polo acontecido nestes últimos dous anos. Todo isto sen deixar de centrarme nas cousas pequenas e nas emocións, como se pode comprobar no sinxelo de "As sensacións".

-Por que escolle este tema como avance do seu traballo?

"As sensacións" define unha parte do disco, que me gusta moito, sobre as cousas pequenas. Por iso a peza audiovisual comeza co espertar ao amencer da protagonista, que é Nela Fraga, e remata con moita vida ao solpor dunha praia mirando ao mar. Queriamos destacar esas pequenas cousas da vida que son moi fermosas e que non sempre nos decatamos ou non pensamos nelas.

Este vídeo é froito do confinamento. A idea e parte da realización xorde neste momento e por iso se divide en dúas partes. Igual que a canción fala de que a situación se retorce e ao final a letra di que non é tanto, a peza audiovisual tamén ten ese contraste que se pode observar, por exemplo, no cabelo da protagonista, que muda de negro a loiro. 

-Até que punto influíu o confinamento no seu disco? 

O traballo é pre e pospandémico. Realmente comecei a gravar os dous primeiros temas en 2019 para que saísen ao ano seguinte, mais houbo un pequeno atraso e coa chegada do confinamento fiquei, como todo o mundo, en standby

A parte boa da situación é que, ao haber tempo, puiden darlle voltas a algunhas cuestións, como ritmos de baterías que foron cambiados ou instrumentos que se engadiron nalgúns temas. Mesmo xurdiron colaboracións que non se me ocorreran para o disco a través de pórme en contacto con outras artistas. 

A nivel composición, como xa estaban máis ou menos fechados os temas, non mudei moito máis o traballo realizado. 

-Con que colaboracións conta para este proxecto? 

No disco hai diversas colaboracións. Conto coas voces de Guadi Galego, García MC e Sabela Galbán, quen ademais de facer coros nunha canción, tamén interpreta o seu acordeón e frauta traveseira. Esta colaboración é a máis relacionada co confinamento, xa que as primeiras versións do tema gravámolas cos móbiles e despois mesturámolas e volvemos gravalas no estudio para o disco. Tamén conto coa colaboración dos músicos Ramón Figui e a súa harmónica e Manuel Espiño ao trombón.

-En que se inspira á hora de compor a súa música? 

Realmente non o sei. Supoño que todas as cousas que me van pasando e despois está a capacidade que teño de poder materializar esa idea á música

-Fálenos entón do seu ritual para compor. 

Eu compoño de maneira interno, teño unha música na cabeza e collo a guitarra ou o piano e de aí saco unha melodía con algunhas palabras quen poidan resultar importantes para a canción. 

Ás veces elixo un tema e remátoo, e penso que malia que non teña as palabras correctas, xa as porei. É un proceso rápido, en media hora máis ou menos, e gústame que sexa así porque ás cancións que lles dou moitas voltas ou non as remato ou non me gustan. Sempre foi a miña maneira de facelo: primeiro a música, a melodía e despois as palabras. 

-O último concerto que ofreceu foi na Sala Rebullón (Tameiga, Mos) onde avanzou parte do seu traballo. Como foi a reacción do público? 

Moi boa. Estaba eu só, sen a banda, nunha sala incríbel como é a Rebullón, e malia iso a sensación foi moi cálida. O que fago no concerto é comunicarme coa xente, mais coas máscaras é horríbel porque só lle ves os ollos. 

Estaba pendente da reacción do público ao que ía dicindo, como ía cantando e se estaban entendendo ou non e a xente estaba sorrindo cos ollos e mostrábame que estaban pendente do que estaba a acontecer, polo que a sensación despois do concerto foi moi positiva e máis cando algúns me dixeron que non me coñecían e que lles gustou.

"Fago música en galego porque o falo"

O cantautor Secho presentará o próximo mes de xuño o seu traballo Recuperar, onde volve reivindicar a lingua galega, ao igual que o fixo nos seus traballos anteriores. 

"É a lingua que eu falo, polo que compor en galego é máis cómodo e doado e penso que non o podo facer doutra forma", di. "Noutros medios comentouse que escribía cancións en castelán e que non me daba xeito, mais realmente é algo moi anecdótico porque a nivel composición e interpretación non teño outra opción que o meu idioma", explica o cantautor. 

"A forma que teño de comunicarme coa xente é a través do galego, polo que as miñas cancións tamén teñen que ser nesa lingua. Encántame o galego e no meu círculo social, a miña familia, amigos e coñecidos tamén se fala. Eu penso, vivo e sinto en galego e por iso a miña música é nesta lingua", conclúe o artista.

Comentarios