luns 18/10/21

O 'Scórpio' de Carvalho terá lectura pública

A Associaçom Galega da Língua (AGAL) recupera o acto de homenaxe previsto polo Día das Letras Galegas do ano pasado, que foi adiado pola pandemia.
Imaxe promocional do acto en lembranza de Carvalho Calero. (Foto: AGAL) #scórpio #carvalhocalero #agal
Imaxe promocional do acto en lembranza de Carvalho Calero. (Foto: AGAL)

A Associaçom Galega da Língua (AGAL) vén de programar a homenaxe ao escritor Ricardo Carvalho Calero que tiña prevista para o ano pasado, momento no que a Real Academia Galega (RAG) lle dedicara o Ano das Letras.

O evento, que consistirá na lectura pública da obra Scórpio, terá lugar o 31 de outubro entre as 12 e as 21 horas no Salón Nobre de Fonseca, en Compostela.

"Este ano será no dia 31 de outubro, no dia seguinte ao 111 aniversário do seu nascimento", concretou a entidade organizadora desta cita, que era o acto central do ano pasado adiado até en dúas ocasións pola Covid-19. 

"Após estudar as circunstâncias sanitárias atuais, a associaçom decidiu que está na hora de realizar a homenagem e garante que o desenvolvimento do mesmo se realizará em completa segurança para as pessoas que decidam prestar tributo ao grande pensador do reintegracionismo", explicou a través dun comunicado.

Nesa xornada continuarase de maneira presencial cunha lectura que se activou, dada a situación epidemiolóxica, a través de vídeos. Agora a AGAL precisa de 250 lectoras e lectores que tomen a quenda para repasar unha das novelas en galego mellor considerada. 

Nun primeiro momento proxectaranse as achegas virtuais (entre as 9 e as 12 horas), para logo dar continuidade en directo. As persoas que queiran participar poden facer a inscrición na web pgl.gal.

Un libro como agasallo

A organización destaca que aquelas cidadás que fagan a lectura terán como premio "um exemplar numerado da ediçom limitada do Scórpio editado por ocasiom desta homenagem, com desenhos de cada um dos narradores realizados por Rosa de Cabanas ex professo para a Leitura Continuada".

comentarios