A SCD do Condado celebra 50 anos de resistencia cultural

A Sociedade homenaxea a Suso Vaamonde.
Suso Vaamonde.
photo_camera Suso Vaamonde.

A Sociedade Cultural e Deportiva do Condado dará inicio hoxe a unha programación que decorrerá durante todo este 2023 para conmemorar os 50 anos de resistencia cultural da asociación. Nun pequeno baixo da Praza da Oliva nacía no ano 1973 a Sociedade Cultural e Deportiva do Condado, aínda que os seus estatutos non serían legalizados até 1974. Comezaba a recuperación da cultura propia no Condado. 

Nesta mesma praza da Oliva, ás 11 horas, dará inicio, baixo o lema Polos que fôrom, somos. Sempre connosco!, unha homenaxe ás persoas que durante estes 50 anos participaron da fundación e dinamización da SCD e xa non están. 

No acto intervirán Xose Gonzalvez, um dos fundadores da SCD do Condado; Lara Soto, activista que se incorporou na segunda xeira do Festival da Poesía; Deva Soto, neta de Manolo Soto “O Rata” e Carlos Barros, activista da SCD. Haberá un brinde con viño do país e a música tradicional dos Concheiros rematará a homenaxe. 

 

Posteriormente, fronte ao monólito de Suso Vaamonde realizarase unha ofrenda floral para lembrar a súa figura. 

A homenaxe a Vaamonde continuará ás 12 horas no Vagalume Café-Concerto coa presentación do libro Suso Vaamonde. A canción libre e comprometida dun pobo coa presenza do seu autor Fernando Fernández Rego. 

Unha sesión vermú coa música de Trés pés para un Suso, tamén no Vagalume, dará paso a un xantar popular, para o que está confirmada a asistencia de máis dun cento de persoas, no Restaurante El Retiro. 

O xantar estará amenizado pola música tradicional de Sons da Raia.