As saunas castrexas eran rituais

Que os castrexos tivesen saunas non é un feito moi coñecido para os profanos na materia, e por iso resulta tan valioso o traballo dun dos maiores divulgadores do patrimonio galego, Manuel Gago, que vén de amosarnos da man da rede Consiliencia un dos exemplos mellor conservados dunha sauna castrexa, sita no Castelón de Castañoso na Fonsagrada. É un dos poucos exemplos desta construción no actual territorio galego, dado que a maioría dos coñecidos se encontran no occidente asturiano e no norte de Portugal. 

castelon-castanhoso
photo_camera [Imaxe: Mariña Patrimonio]

A sauna de Castelón de Castañoso está a ser rehabilitada neste momento grazas á reclamación do Museo da Fonsagrada por mor do seu perigo de derrubamento. Trátase dun achado especial debido ao seu estado de conservación: a cúpula e a bóveda están en moi bo estado, suxeitados “milagrosamente” ata agora por unha pedra. 

Esta mesma semana remataranse os traballos de escavación, consolidación e reconstrución dunha estrutura que se mantivo grazas precisamente a que se encontra agochado nun lugar de difícil accesibilidade, “no medio dun souto de 100 hectáreas”, segundo Juan José Molina, director do Museo da Fonsagrada. 

Trátase, segundo Manuel Gago, dunha das accións arqueolóxicas máis importantes deste verán en Galiza, cuxos traballos se centraron na recuperación e mesmo reconstrución da cámara de combustión (forno), a sala de valores e tamén unha vivenda compartimentada, máis alta e complexa do habitual. Ademais da 'pedra formosa' que poden ver no vídeo publicado pola rede Consiliencia, atopáronse unha fíbula de bronce común e algo de cerámica de difícil identificación.

Rituais, non lúdicas

A pesar de que se cría que as saunas castrexas eran unha adaptación indíxena das termas romanas, Molina afirma que estes últimos achados desminten esa idea, dado que pola súa forma “inclinámonos a pensar que é prerromano e que debía ter un uso ritual e non lúdico”. 

Tal e como se explica no vídeo, as saunas castrexas constan dun forno e dunha sala de vapores á que hai que entrar a través dun burato pequeno no que só entra unha persoa arrastrándose, “polo que non pode ser unha terma destinada á hixiene”. 

Tanto o profesor Marco García Quintela, da USC, que aparece no vídeo, como o director do Museo ou Felipe Arias, ex director do Museo do Castro de Viladonga e experto no mundo castrexo, decántanse por un uso ritual. “Podería ter un valor iniciático para a xente nova, como un tránsito cara a vida adulta”, declarou para Sermos Galiza Felipe Arias, tamén ex director xeral de Patrimonio durante o bipartito. 

García Quintela abonda aínda máis na interpretación: “As saunas son unha ferramenta que consiste en acumular as catro potencias da física antiga: lume, auga, terra e aire. Isto sería unha especie de útero, cando saías de aquí saías renacido: espido, enrugado e arrastrándote”. 

No norte e no sur do mundo castrexo

As saunas non son construcións frecuentes nos castros galegos. Polo que se coñece actualmente hai unha ducia no norte, desde a conca do Navia do occidente asturiano até a de Punta dos Prados en Ortigueira, e outras tantas no norte de Portugal, na zona da Gallaecia bracarense, con algún exemplo illado en Ourense (Aguas Santas). As do sur son algo máis complexas e nelas as 'pedras formosas' están decoradas. Os exemplos máis destacados están no castro de Briteiros e de San Fins. 

Juan José Molina adiantounos que o Museo da Fonsagrada ten previsto realizar unha exposición que explique as saunas castrexas e os traballos que se fixeron en Castelón de Castañoso. 

Velaquí o vídeo da rede Consiliencia no que se explica o xacemento da Fonsagrada: 

Comentarios