Saúl Rivas: "Xeosónica nace da consciencia da ausencia de silencio para crear un convite artístico á escoita"

Saúl Rivas (Lugo, 1983) é o creador detrás de Xeosónica, un proxecto da produtora Undodez que reivindica o valor dos sons accidentais, vinculados ao espazo e entendidos tamén como unha fonte para a creación artística. A idea, que botou a andar cunha axuda á creación dixital do Ministerio de Cultura, trata de pór en valor unha parte do patrimonio natural e cultural da Galiza pouco representado e recoñecido. Ademais dos actos públicos que terán lugar ao longo do mes de xullo, a produción é accesíbel a través da súa web xeosonica.gal.
Saúl Rivas na presentación de Xeosónica, no Museo do Mar de Vigo. (Foto: Aigi Boga)
photo_camera Saúl Rivas na presentación de Xeosónica, no Museo do Mar de Vigo. (Foto: Aigi Boga)

—En que consiste Xeosónica?
Xeosónica nace de tomar consciencia do son que nos rodea, da ausencia de silencio. A partir desta idea simple, buscamos afondar máis e explorar eses sons presentes no día a día: dos molestos e dos agradábeis, dos que somos conscientes e dos que non. No proceso de deseño do proxecto, decatámonos de que o interese viña no enfoque, así que apostamos por facer esta exploración do son, non desde o documental senón cunha vontade artística. Non buscabamos preguntas, queriamos parar a escoitar e que a reflexión saíse do espectador. Toda a produción xira ao redor do son, explicitando esa presenza permanente e convidando á escoita activa.

—Xeosónica é unha idea cun equipo grande involucrado.
No audiovisual, rara vez un proxecto é individual. No desenvolvemento desta idea interveñen moitas persoas, xa que é unha produción complexa. Unha das pezas principais, a curta 'Mmrrssmm… (As Músicas dos Ruídos do Son do Mar)' nace cunha vontade artística e tamén de xogo por parte do seu director, Andrés Mahía: o son é o protagonista absoluto, tanto que até se explicita a presenza do sonidista nos planos, contándolle abertamente ao espectador que o importante é o que está "pescando" ese home do micrófono. Santi Jul é o responsábel tanto de captar eses sons como de crear a atmosfera da curta e as composicións mínimas que aparecen na peza, estas últimas en colaboración con Iván Laxe. A curta conta ademais co talento de Jairo Iglesias, director de fotografía responsábel da espectacularidade poética da imaxe deste artefacto audiovisual.

—Temos, por tanto, unha ollada interdisciplinar.
Tiñamos claro que a formulación do proxecto debía incluír creadores e artistas nesa aposta que fixemos por explorar o son desde a arte máis que desde o documentalismo. Na creación do proxecto, recollemos diversas paisaxes sonoras que cumpren unha dobre función. Serven para a reflexión e a escoita consciente dos sons presentes nunha localización xeográfica concreta (en xeosonica.gal estamos confeccionando un mapa con estas paisaxes) e tamén serven de base para a experimentación sonora.

Propuxémoslles un xogo a catro creadores sonoros galegos: Acacia Ojea, Carlos Suárez, Juanma LoDo e Marco Maril. Cada un recibiu unha serie de sons recollidos durante estas gravacións previas clasificados por temas -Auga, Humanos, Máquinas e Vento- para que creasen unha música a partir deles e coa única condición de que os incorporasen, sen limitacións estilísticas. O resultado foi marabilloso, xa que cada un levou eses ruídos previos ao seu estilo e con diferentes técnicas. Estes temas foron presentados no Museo do Mar da Galiza e están dispoñíbeis para a súa escoita na web do proxecto.

—Natureza e tecnoloxía son presentados moitas veces como esferas opostas pero Xeosónica combina ambas.
Penso que están xa máis conectadas do que pensamos, e hai moitas iniciativas de conservación e experimentación que as unen. Na miña concepción, non hai moita diferenza entre elas: ambas forman parte de nós, da nosa forma de ser e estar. A diferenza vén máis polo uso e a consciencia que tomes.

—O proxecto vai ter unha dimensión pública.
A través da iniciativa 'Deslocalizando Xeosónica': levamos unha instalación sonora itinerante no interior dun container marítimo. Queremos achegar o mar e a creación sonora de vangarda aos concellos do interior do país durante os próximos meses. O público que agardamos é o máis amplo do mundo, os veciños e veciñas que atopen nas súas prazas e rúas un container e teñan a curiosidade de mirar dentro.

Comentarios