O sarxento Pementa fai 50 anos

Sgt Pepper’s Lonely Hearts Club Band’ publicouse a 1 de xuño de 1967 e nada volveu ser igual. The Beach Boys recoñeceron que tardaron varios días en fechar a boca, The Rolling Stones aceptaron que os de Liverpool competían noutra galaxia e Bob Dylan vaticinaba que estabamos perante un dos discos do século. 

beatles
photo_camera beatles

Medio século do sarxento Pementa e a súa banda do clube de corazóns solitarios. 50 anos da publicación dun disco que se elevou a icone dunha época e sobre o que se teñen escrito mancheas de artigos, estudos ou libros. Díxose del que elevou o pop á categoría de arte ou que marcou un antes e un despois no devir da música popular. A súa pegada, ao longo destes cinco décadas, evidenciouse en non poucos aspectos, desde a forma de gravar até a propia maneira de concebir un disco. Os Beatles, os pais da criatura, deron un salto de xigante, o que xa se intuía nos dous anteriores traballos, ‘Rubber Soul’, ‘Revolver’. Os catro de Liverpool superaran había tempo a fase ‘ye-ye-ye’ para adentrarse en retos maiores.

O ‘Sgt Peppers’ tivo unha avanzadiña. Foi o single lanzado en febreiro de 1967, tres meses antes. Por unha banda, ‘Strawberry fileds forever”. Pola outra, ‘Penny Lane’. Aquilo non tiña nada a ver xa non co ‘She loves you’ ou ‘I wanna hold your had’ senón tampouco co ‘Taxman’, ‘Eleonor Rigby’ ou ‘For no one’, por citar tras temas do traballo anterior, publicado había só uns meses, ‘Revolver’ (1966). Do abraio que xerou o single na crítica e na escena musical dá idea que New Musical Express confesara que “non sabía moi ben que facer” perante un tema como o de ‘Strawberry’. Algo xigantesco viña de camiño.

O disco publicouse a 1 de xuño. O impacto foi ao momento, en público, crítica e, o que é máis importante, entre os propios compañeiros de oficio. The Beach Boys recoñeceron que tardaron varios días en fechar a boca e a Keith Richards, guitarrista dos Rolling Stones, atribúeselle aquilo de que con ese disco aos de Londres ficoulles claro que os de Liverpool xogaban noutra galaxia.

Vendeu 32 millóns de discos, levou 4 premios Grammys. O máis importante é que marcou un antes e un despois. Revolucionou o sistema de gravación e abriu ollos e orellas do pop-rock a outras posibilidades. “Foi o disco dunha época e cambiou a forma de gravar mais non o fixemos de forma consciente”, recoñecera anos despois George Martín, produtor do traballo. O disco era un todo, non unha simple suma de cancións. Desde ‘Sgt Pepper’s’ até un ‘A day in the life’ para cuxa descrición non se inventaron aínda as palabras. A propia capa marcaba un antes e despois. “Foi ver o disco e dicir, meu deus!, se isto é o envoltorio que será o que ten dentro”, dixera o teclista de Skank, un dos grandes do rock brasileiro. Frank Zappa, que non tiña moita querencia polos ‘Fab four’, parodiara a capa dous anos despois nun dos seus traballos. “We're only in it for the money”, estamos nisto só polos cartos. Non deixa de ser curioso que McCartney definira o ‘Sargent Pepper’s’ como “o noso Freak Out!”, en referencia ao debut de Zappa.

O LP figura en todas as listaxes dos principais discos influíntes da música rock, e na maioría delas faino no máis alto. Trece cancións entre as que figuran algunhas das imprescindíbeis para entender o que foi, e o que é, o o pop-rock, como a mencionada ‘A day in the life’ ou ‘Lucy in the sky with diamonds’. Foi O Disco, con maiúscula e o seu impacto e rol de icone non foi superado 50 anos despois. Case nada.

Comentarios